Skip to main content
Mar Caldas

Mar Caldas: Mulleres, traballo e memoria

Mar Caldas: Mulleres, traballo e memoria

No marco do seu programa de artistas de media carreira, o CGAC presenta unha mostra individual da artista Mar Caldas (Vigo, 1964), pioneira da praxe artística feminista en Galicia.
A súa obra, fundamentalmente fotográfica, renova sempre o seu cariz reivindicativo para atender aos diferentes atrancos que, pola súa condición, atenazan a vida das mulleres.

Desta volta, convídanos a un percorrido pola súa obra recente, na que o traballo das mulleres e a denuncia da súa escasa consideración, pasada e presente, ocupan a centralidade do discurso.
Neta dun sindicalista fusilado e dunha viúva abocada á escaseza, e filla dunha nai desposuída do seu posto de traballo como telefonista polo simple feito de contraer matrimonio, Caldas articula un amplo proxecto específico titulado Retrato de familia, no que reflexiona sobre a súa historia familiar para denunciar a violencia sufrida pola sociedade durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Coa fotografía como protagonista, desprega un amplo abano de formalizacións: colaxe fotográfica con imaxes apropiadas, series fotográficas de creación propia en grande formato, a imaxe fotográfica proxectada a modo de instalación e como base dunha obra fílmica... e mesmo unha peza fotográfica en formato “tarxeta para levar”.

Lugar: Centro Galego de Arte Contemporánea

Datas: 31 de Xaneiro do 2025 - 25 de Maio do 2025

Máis información:
https://cgac.xunta.gal/gl

Comments