Skip to main content
Baile de Entroido

Baile de entroido no monte Esmeralda. Entroido no Gaiás 2025

Baile de entroido no monte Esmeralda. Entroido no Gaiás 2025

Este ano para o baile do Entroido no Gaiás viaxando ao monte Esmeralda e á iconografía dunha saga literaria que fascina a nenos e nenas de todas as xeracións: a do marabilloso mundo de Oz.
Unha tarde para toda a familia á que están convidados leóns covardes, pérfidas bruxas, espantallos sabios, monos voadores e ata os magos máis mentireiros.

C@nto Contigo é unha auténtica festa onde a música e o humor non deixan espazo para o aburrimento.
Paco Nogueiras convídanos a unha tarde de troula na que percorremos os grandes éxitos dos seus traballos Brinca Vai!, Radio Bulebule e Extra!, facendo que a nosa lingua voe a través da música dun xeito lúdico e divertido.

Acompañado dos seus instrumentos, Paco Nogueiras mestura unha ampla variedade de estilos musicais: do techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, sen esquecer as influencias da tradición galega.
A rapazada cantará e bailará sen complexos nunha viaxe musical na que o público é parte activa dunha experiencia chea de enerxía e bo humor.

Dádelle ás á imaxinación para deixar coa boca aberta ao público e ao xurado do noso concurso.
Aínda que podedes participar con calquera disfrace, animádevos a buscar inspiración no rico mundo do país de Oz para acompañarnos na xornada de festa no monte Esmeralda, xa que esta temática será especialmente valorada, xunto coa orixinalidade, á hora de seleccionar os disfraces gañadores.

E aínda que o obxectivo principal é pasalo ben, poderedes levar un agasallo especial do artista convidado, Paco Nogueiras, así como un lote de libros en galego!

Máis información:
www.cidadedacultura.gal

Comments