A Campaña de verán que a Xunta de Galicia pon de novo en marcha para o ano 2025 inclúe oportunidades de participación para as persoas mozas mediante un programa de actividades dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos (de entre 18 e 21 anos para as actividades do programa Conecta con Galicia no Camiño).
Este programa, que promove un ocio educativo, alternativo e saudable para a mocidade galega, conta con 218 prazas en oito programas de actividades, en quendas de entre catro e 13 días de duración, nos albergues xuvenís de Cabana de Bergantiños, Garatuxa (Mesía), A Devesa (Ribadeo), Allariz, Eco dos Teixos (Carballeda de Valdeorras) e Maristas (Tui) así como nas residencias xuvenís Florentino López Cuevillas de Ourense e Altamar de Vigo.
OBXECTIVOS DO PROGRAMA
» Mellorar as competencias e habilidades da xuventude a través da educación non formal.
» Promover un plan de ocio alternativo, educativo e saudable.
» Facilitar que as mozas e mozos galegos participantes coñezan a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia, promovendo o seu respecto e posta en valor.
O PROGRAMA INCLÚE
» Unha programación de actividades de ocio educativo, alternativo, saudable e convivencial, así como o material necesario para o seu desenvolvemento.
» O aloxamento nun albergue xuvenil ou similar. A asignación de cuartos será de libre disposición.
» A manutención en réxime de pensión completa.
» Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso.
Así mesmo, para o caso das persoas con discapacidade que por razón das súas necesidades especiais precisen apoio, disporase de persoal que conte coa formación e experiencia necesarias para atendelas.
» Seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
O desprazamento ata as instalacións onde se vai desenvolver o programa vai por conta das persoas que participan, tanto o día de incorporación como o día do remate da actividade.
CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
» Poden solicitar praza nas actividades ofertadas as persoas mozas residentes en Galicia.
» É necesario ter os 18 anos ao inicio do programa e non cumprir os 31 antes do seu remate. No caso das actividades do programa Conecta con Galicia no Camiño, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, será requisito ter entre 18 e 21 anos a día 19 de xullo de 2025.
» As persoas mozas participantes terán que respectar os horarios establecidos.
» Durante a estancia nos aloxamentos respectaranse as normas de organización interna en cada un deles, que serán obrigatorias para as persoas participantes.
» A organización resérvase o dereito a cambiar algunha parte do programa ou servizo, incluso de cancelalo no caso de que sexa necesario por seguridade das persoas participantes, polas condicións meteorolóxicas ou por outras circunstancias xustificadas. Tamén se poderá cancelar calquera dos programas no caso de que non exista un número mínimo de participantes.
» Se calquera das persoas participantes incumpre as normas xerais que alteren o desenvolvemento normal das actividades, poderán ser expulsadas do programa correspondente.
» Será necesario levar a tarxeta sanitaria e o DNI durante os días de realización do programa.
» A participación no programa supón a aceptación das condicións deste e poderá excluírse do programa a persoa participante que incumpra as devanditas condicións.
INCORPORACIÓN Á ACTIVIDADE
A incorporación realizarase o primeiro día da actividade, ás 17.00 horas, e a saída será o último día da actividade, despois de xantar.
MATERIAL NECESARIO
Útiles de aseo persoal e toalla, crema protectora solar, roupa axeitada e cómoda, prendas axeitadas ás condicións climatolóxicas, calzado deportivo cómodo, chanclas para a ducha, gorra ou sombreiro, mochila, cantimplora ou termo de auga e bolsa para a roupa sucia.
No caso de actividades acuáticas/piscina, ademais:
Toalla de praia, traxe de baño, gorro e chancletas, sandalias pechadas para auga ou escarpíns, neopreno / lycra (se se dispón del).
É importante que a roupa e o calzado sexan axeitados para as actividades do programa elixido (botas de sendeirismo ou similar para as actividades do programa Conecta con Galicia no Camiño).
Lémbrase que se debe levar a tarxeta sanitaria e o DNI durante os días de realización do programa.
No caso de estar con tratamento específico, debe levarse a medicación para a quenda.
PRAZAS
O número total de prazas dispoñibles é de 218, que se distribúen en 8 programas de entre 12 e 40 prazas.
COTA DE PARTICIPACIÓN
As persoas ás que se lles adxudique unha praza deberán aboar o prezo establecido para cada caso.
Por ser titular do Carné xove ou membro de familia numerosa, acolledora ou monoparental aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo. Os descontos citados en ningún caso serán acumulables.
Para aplicar estes descontos cómpre que estar en posesión, no momento do pagamento da taxa, dos títulos habilitantes correspondentes: Carné xove vixente e activado, título de familia numerosa, certificado de
recoñecemento da condición de familia monoparental e resolución de acollemento familiar, expedidos polo órgano competente.
DEVOLUCIÓN DE COTAS
Se logo de obtida a praza e de aboado o prezo correspondente, a persoa interesada non puidese asistir á actividade, só terá dereito á súa devolución nos casos e polas causas seguintes:
a) Renuncia á praza comunicada por escrito sempre e cando solicite a devolución da cantidade aboada polo menos cinco días naturais antes do inicio da actividade.
b) Anulación da actividade ou non prestación do servizo por causas non imputables á persoa interesada.
c) Ingreso hospitalario ou causa médica grave que afecte á persoa menor e lle impida incorporarse á actividade, que deberá acreditarse con informes médicos e/ou do hospital no que estea ingresado a persoa menor.
d) Falecemento ou enfermidade grave dun familiar de ata 2o grao. Esta causa debe estar acreditada con informes médicos e/ou do hospital onde estea ingresado o familiar ou co certificado de defunción, de ser o caso.
SOLICITUDE DE PRAZA
Presentación da solicitude:
A solicitude presentarase en liña, no formulario dispoñible na páxina web http://xuventude.xunta.gal habilitado o día de apertura do prazo.
Prazo de solicitude
1ª CONVOCATORIA
- Do 19 ao 26 de maio.
A apertura do formulario de solicitude será ás 9:00 horas do 19 de maio.
Cada persoa solicitante só poderá enviar un formulario, no que elixirá ata un máximo de tres programas (identificados co seu código) por orde de preferencia, entre os que se lle asignará un deles, de ser o caso. No
caso de presentar máis dunha solicitude só se terá en conta a última presentada.
As persoas con discapacidade deberán facer constar esta circunstancia no apartado que figura no formulario de solicitude, indicando a porcentaxe recoñecida e o tipo de discapacidade que, de ser o caso, presenta, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisase.
As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción das solicitudes. A persoa que resulte adxudicataria dunha praza nesta primeira convocatoria, en calquera das opcións elixidas, non figurará en ningunha
lista de agarda.
2ª CONVOCATORIA
Logo de asignadas as prazas da 1a convocatoria, abrirase de novo o formulario na web para os programas con prazas dispoñibles, que permanecerá aberto ata 5 días antes do inicio do programa, de existir prazas vacantes.
O día e hora de apertura deste novo prazo será comunicado na propia web.
Poderá optar a estas prazas vacantes calquera persoa, incluso aquelas con praza xa adxudicada noutro programa na primeira convocatoria.
ADXUDICACIÓN DE PRAZA
As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por orde de recepción das solicitudes, respectando a prioridade sinalada no formulario, tanto na 1o como na 2a convocatoria.
Logo de cubertas todas as prazas crearase unha lista de reserva, tamén por orde de chegada do formulario.
DOCUMENTACIÓN TRAS A ADXUDICACIÓN
Logo de adxudicada a praza, a persoa solicitante recibirá un correo electrónico coas instrucións para o pagamento da cota e coa documentación que debe presentar, cuberta e asinada, no enderezo e no prazo que se indican neste apartado.
Documentación
➢ Folla de formalización da inscrición debidamente cuberta e asinada.
➢ Xustificante de pagamento da cota.
➢ Fotocopia do DNI/NIE.
➢ Fotocopia do carné xove, do título de familia numerosa, do certificado de familia monoparental ou da resolución de acollida (no caso de acollerse ao correspondente desconto).
➢ Ficha informativa de saúde.
➢ Certificado de discapacidade e copia do ditame técnico facultativo, de ser o caso.
➢ Declaración sobre a autorización para a captación de imaxes.
Correo electrónico para remitir a documentación:
A documentación, cuberta e asinada, deberá achegarse por correo electrónico ao enderezo: actividadesmais18.xuventude@xunta.gal
AVISO: No ASUNTO debe indicarse o PROGRAMA adxudicado.
Prazo de presentación
O prazo para presentar esta documentación é de 2 días hábiles desde o envío do correo electrónico de adxudicación da praza.
De non presentar a documentación neste prazo, perderase o dereito á praza adxudicada e esta quedará dispoñible para outras persoas solicitantes.
RENUNCIA Á PRAZA ADXUDICADA:
Unha vez formalizada a inscrición nun programa, se por algún motivo non suxeito á devolución da cota, xurdira un imprevisto que impida participar na actividade, solicitamos que se comunique a renuncia á praza o máis axiña posible para liberala e facilitar así a participación doutra persoa no programa.
O correo electrónico para comunicar a renuncia é o mesmo que para a remisión da documentación: actividadesmais18.xuventude@xunta.gal
De non facelo así, a persoa solicitante quedará excluída da participación en sucesivas edicións deste programa e nos demais que poña en marcha este departamento.
CONTACTO
A CORUÑA
Xefatura Territorial da Coruña
Servizo de Xuventude e Voluntariado
Espazo Amizar
Gregorio Hernández, 2-4
15011 A Coruña
881 881 238 – 881 881 239 – 881 881 240 - 881 881 241
LUGO
Xefatura Territorial de Lugo
Servizo de Xuventude e Voluntariado
Rolda da Muralla, 70
27071 Lugo
982 294 224 - 982 294 599 - 982 294 923 - 982 294 353
OURENSE
Xefatura Territorial de Ourense
Servizo de Xuventude e Voluntariado
Celso Emilio Ferreiro, 27
32004 Ourense
988386120 - 988386118 – 988386117 - 988386113
PONTEVEDRA
Xefatura Territorial de Vigo
Servizo de Xuventude e Voluntariado
Estrela, s/n
36201 Vigo
986 817 080 – 986 817 782 – 986 817 079
