Que sentimos cara a familiares e amizades? Podemos sentir aprecio, agarimo, apego. Tamén podemos sentir respecto, valorar as súas cualidades e mesmo admiralas. Confiamos e cremos nas persoas ás que amamos e sentimos complicidade e intimidade con elas. Tamén podemos sentir tenrura, gratitude, lealdade... e moitas cousas máis. Todas elas forman parte do amor, entendedes agora que o amor é diferente segundo a quen se refira? En primeiro lugar porque non teñen por que se dar todas estas características e en segundo porque non se dan coa mesma intensidade. Existen toda unha serie de "combinacións" posíbeis que fan que o noso mundo afectivo sexa diverso e mesmo divertido, non? Compara, por exemplo, o grao de complicidade e de intimidade que tes coas túas amigas e amigos, é o mesmo en todos os casos? ou, o grao de valoración das persoas ás que queres, é o mesmo en todos os casos? Pero non por iso lles queres máis a unhas que ás outras, simplemente, o amor ten cualidades diferentes.
Por outra parte, os afectos positivos cara ás demais persoas tamén poden existir sen necesidade de que haxa unha relación. Podemos sentir en positivo cara á xente en xeral. Neste caso, o amor reúne algunhas das cualidades que o caracterizan (por exemplo, o respecto, a solidariedade, a tenrura, etc.). Estas poden ser moi fortes pero, sen embargo, non é frecuente que se dean outras ou, cando se dan, non son moi intensas. Por exemplo, podemos ser moi, moi respectuosas e solidarias coas persoas, aínda que non as coñezamos pero, temos moita confianza, complicidade ou intimidade con elas?... probabelmente non, verdade?
