
Concurso de Podcasts-Radio na biblio
A Xunta de Galicia convoca o VII concurso de Podcasts-Radio na biblio destinado a estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, a elaboración de produtos radiofónicos enfocados a salientar a valoración da lingua materna, o coñecemento da poesía galega alén da escrita e o seu carácter colectivo, a relación entre a literatura e a música, o papel das mulleres como creadoras individualizadas, a importancia das recollas e a representación das cantigas galegas como tradición viva da poesía popular oral a través das novas manifestacións.
Establécense 8 modalidades:
- Alumnado de EI. 1º premio 1.250 €
- Alumnado de 1º e 2º de EP. 1º premio 1.250 €
- Alumnado de 3º e 4º de EP. 1º premio 1.250 €
- Alumnado de 5º e 6º de EP. 1º premio 1.250 €
- Alumnado de 1º e 2º de ESO. 1º premio 1.250 €
- Alumnado de 3º e 4º de ESO. 1º premio 1.250 €
- Alumnado de Bacharelato. 1º premio 1.250 €
- Alumnado de outras ensinanzas. 1º premio 1.250 €
Cada centro educativo poderá presentar un podcast por modalidade ata un máximo de 3 podcasts por centro.
Temática
As homenaxeadas nas Letras Galegas deste ano son Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e máis Manuela Lema Villar, mulleres cantareiras e pandereteiras que representan a moitas outras mulleres anónimas e que son referente para as novas xeracións de intérpretes actuais que demostran que a propia esencia da poesía popular está a evolucionar.
- A temática poderá versar sobre:
- Aspectos bio-bibliográficos das mulleres homenaxeadas.
- Importancia e representación das cantigas populares.
- Relación entre literatura e música.
- A muller na literatura galega ou as mulleres nas Letras Galegas.
A solicitude de participación está dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas/
O prazo de presentación estará aberto ata o 20 de marzo de 2025
Comments