Ir o contido principal
conecta con galicia

Conecta con Galicia no Camiño, para a mocidade galega do exterior

A Xunta de Galicia convoca o programa Conecta con Galicia no Camiño, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior coa finalidade facilitarlles aos participantes o enriquecemento persoal a través da convivencia con outros mozos e mozas galegos de diferentes procedencias e a realización de actividades que lles procurarán un maior coñecemento do territorio e da situación sociocultural actual de Galicia, a través do percorrido de distintos tramos do Camiño de Santiago ata chegar a Compostela e doutras actividades complementarias

Poderán participar no programa Conecta con Galicia no Camiño, que se desenvolverá entre os días 19 e 31 de xullo do ano en curso, ata un total de 120 mozas e mozos galegos con idades comprendidas entre os 18 e os 21 anos na data do inicio. Destas prazas, 96 resérvanse para residentes no estranxeiro e 24 para aqueles que residan en Galicia.

Durante o desenvolvemento do programa de actividades, todos os participantes residirán nun dos aloxamentos dependentes da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reservados para estes efectos: ben na residencia xuvenil Altamar, sita en Vigo (Pontevedra), ou ben na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, sita en Ourense.

O percorrido polo Camiño de Santiago (100 km) realizarase a pé e corresponderase, en función de cal sexa o lugar de aloxamento, Vigo ou Ourense, cos respectivos tramos galegos do Camiño Portugués ou da Vía da Prata ata Compostela.

conecta co camiño

Requisitos das persoas participantes:
a) Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 21 anos o día 19 de xullo de 2025.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoa emigrante galega residente no exterior.
c) Ter a nacionalidade española.
d) Encontrarse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de 3 meses.
e) Carecer de discapacidades e outros impedimentos que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes residentes no estranxeiro, mediante o financiamento total ou parcial do custo dos voos de ida e volta, así como tamén, no caso de persoas que residan a máis de 400 km dos aeroportos internacionais, dos voos internos dentro do país ata o aeroporto de saída. As viaxes en avión desde o país de residencia e de volta a este serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, inclúese o transporte daquelas beneficiarias que realicen un retorno inmediato desde a residencia ata o aeroporto de saída.

Todos os gastos das persoas que opten por regresar 15 días despois do remate das actividades do programa serán pola súa conta (aloxamento, manutención e traslados, incluíndo o transporte ata o aeroporto de retorno).

Prezo:
Para optar ás prazas con financiamento do 100 %, o importe total dos ingresos e rendas que perciban todos os membros da unidade familiar do solicitante non poderá superar o límite da cantidade que resulte do dobre da base de cálculo da prestación por razón de necesidade aprobada no 2024 para o país de residencia, ou no caso de residir en Europa, do salario mínimo interprofesional no país de residencia para o ano desta convocatoria, multiplicado polo número de persoas que convivan menos unha.

As persoas interesadas que entendan que os ingresos da unidade familiar do solicitante supere ese tope, deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento, e aboar a cantidade de 800 €, se residen en América, ou de 250 € se residen en Europa, en concepto de custo da viaxe.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de abril de 2025
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento PR930D
Máis información no DOG do 21 de marzo de 2025 e en http://emigracion.xunta.es

Comments