Letras Galegas no Gaiás 2025. Coa forza no falar.
No marco dunhas Letras Galegas dedicadas á poesía popular oral e á figura das nosas cantareiras, no Gaiás organizan un obradoiro familiar de cantigas tradicionais e percusión miúda para deconstruírmos xuntas as letras da tradición galega, propoñer outras novas e aprender a tocar con obxectos cotiáns: desde culleres ata cunchas.
As pandeireteiras e cantareiras son símbolo de resistencia e sororidade: cantadoras, tocadoras e bailadoras lideraban seráns e foliadas e a súa figura foi fundamental na preservación e transmisión da nosa cultura popular oral.
Este Obradoiro está proposto para público infantil e adolescente e para realizar en familia.
Comezando cunha análise con perspectiva de xénero de coplas do cancioneiro tradicional, as persoas participantes crearán xuntas novos textos baseados en conceptos de igualdade e non violencia.
Todo isto acompañado da aprendizaxe de instrumentos de percusión miúda: elementos da vida cotiá como cunchas, culleres, botellas ou piñas, cos que acompañar musicalmente esta nova copla afastada dos estereotipos sexistas.
Máis información:
www.cidadedacultura.gal




Comments