Skip to main content
MARMUFEUSC25

‘Un mar de mulleres’, un tributo ás traballadoras do mar

Amosar a importancia do traballo feminino nas industrias do mar de Galicia é o propósito do documental Un mar de mulleres, producido pola Cátedra Juana de Vega do Departamento de Historia e financiado pola Fundación Juana de Vega, que se estrea o venres 24 de outubro no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia ás 11.30 horas.

A proxección irá seguida dun coloquio sobre o traballo no litoral de Galicia dan man das súas protagonistas que moderará a directora da Cátedra, a profesora Luisa Muñoz Abeledo.

Dirixido por Sabela Brand, a través de entrevistas realizadas a mulleres ocupadas no sector pesqueiro e de transformados da pesca o documental dá conta da súa participación laboral, da fenda salarial de xénero así como dos cambios nas condicións laborais no período que cubre o último terzo do século XX e o primeiro do XXI.

Esta peza documental quere ser un tributo ás traballadoras do mar no pasado e no presente, de xeito que amosa historias de vida e traballo que demostran a capacidade de aprendizaxe, o tesón, a cualificación, a adaptación e a resiliencia en momentos de crise das mulleres do mar de Galicia. Elas contribuíron non só a modernización económica da rexión, senón tamén a manter uns  orzamentos familiares con superávit e polo tanto a mellorar os niveis de vida das familias do litoral galego.

Máis información:
www.usc.gal

 

Comments