 
 
				A XUNTA CELEBRARÁ A GALA DO XUVENTUDE CREA 2025 O 19 DE DECEMBRO TRAS A INSCRICIÓN DE 600 PERSOAS
- O Consello avalía a décimo sexta edición dun certame que supón un escaparate para visibilizar o talento da mocidade en diversos eidos, con 16 categorías en total
- A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude suma desde o seu comezo preto de 6.000 participantes e máis de 4.000 obras presentadas
- Tamén se segue a apostar polas novidades introducidas o ano pasado, abrindo a proposta aos galegos do exterior, incorporando máis modalidades e fortalecendo a proxección cara o mundo profesional
A Xunta de Galicia celebrará o 19 de decembro a entrega dos premios dunha nova edición do Xuventude Crea, que este ano segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas. Así se deu conta no informe avaliado hoxe polo Consello, no que se reflicte que a iniciativa continúa na senda iniciada no 2024 cando se produciu un punto de inflexión cun grande aumento de solicitudes que a sitúan como un referente artístico e cultural.
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude segue a apostar por un certame que busca estimular a imaxinación, a creatividade e a innovación, así como impulsar e visibilizar o talento da mocidade galega e actuar como estímulo económico e como plataforma de lanzamento profesional. Á súa vez, tamén pretende fomentar o lecer creativo e saudable entre a xente moza e promover a diversidade artística e cultural a través de moi variadas disciplinas, 16 en total.
A inicaitiva chega este ano á súa décimo sexta edición sendo un programa consolidado e con moi boa reputación no eido cultural e artístico galego. Por el terán pasado, coa participación deste 2025, algo máis de 6.000 mozos e mozas, con máis de 4.000 obras e proxectos creativos, e teranse repartido 700 premios cunha dotación que se aproxima a 1M€ en total. Nesta edición, por cada categoría, ademais das vantaxes descritas, os premios económicos serán de 2.000€ para o gañador de cada modalidade, 1.500 para o segundo e 1.000 para o terceiro.
Cómpre lembrar que se trata dunha iniciativa dirixida á mocidade non profesional que desenvolva a súa actividade artística en Galicia (estendida aos galegos residentes no exterior), con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. O Xuventude Crea 2025 consolida así un modelo de programa cultural xuvenil moderno, transversal e con vocación de continuidade no que se fomenta non só a creatividade, senón a formación, a profesionalización e a proxección da mocidade galega.
Colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Aos obxectivos do certame hai que sumarlle o fomento da transversalidade nas políticas xuvenís e culturais da Xunta no que se puxo o foco desde o ano pasado en coordinación con distintos departamentos da Administración Autonómica. É o caso da apertura do certame aos mozos galegos residentes no exterior, unha medida que, tras a súa boa acollida, mantense activa co apoio da Secretaría Xeral de Emigración e do seu programa Estratexia Galicia Retorna. Desta maneira, nesta edición preténdese consolidar esta vía de participación como ferramenta para reconectar coa diáspora e fortalecer o sentimento de pertenza das xeracións máis novas nacidas fóra de Galicia.
Así mesmo, este ano consolídase o programa posto en marcha o ano pasado para ampliar o alcance do certame e reforzar a profesionalización dos participantes. Trátase dun conxunto de obradoiros, acompañamento e asesoramento en colaboración coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. A través desta proposta, ofrécese ás persoas premiadas a oportunidade de definir un modelo de negocio sólido ao redor do seu proxecto, favorecendo a súa inserción no tecido creativo e promovendo o autoemprego xuvenil vencellado á cultura.
Ademais, afóndase na liña de facilitar que os proxectos premiados teñan continuidade fóra do propio certame, ofrecendo visibilidade real e oportunidades a través da súa integración en programacións culturais recoñecidas.
Tamén se segue a apostar este ano por duas seccións diferenciadas dentro da especialidade de teatro, debido aos bos resultados desta novidade incorporada no 2024. Así, de novo, cóntase co apartado Amador, no que participarán grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros. Por outra banda, o apartado Pro está destinado para compañías de nova creación, profesionais emerxentes, grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Neste último, o Centro Dramático Galego poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico, fortalecendo o ecosistema teatral galego e facilitando a transición do ámbito formativo ao profesional.
Neste senso, no que ten que ver coas categorías, o Xuventude Crea 2025 estableceu de novo 16 disciplinas, tras a incorporación na edición pasada da modalidade de DJ e creación de contido. O certame complétase coas especialidades de artes plásticas, fotografía, moda, deseño de xoias, arte urbana, música, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, creación de videoxogos, poesía e danza.
Celebración de varias finais
A programación inclúe, antes da gala final que se celebrará o 19 de decembro na Cidade da Cultura, varias finais por categorías: a de teatro será no Salón Teatro, desde o 28 de outubro ao 1 de novembro; a de videocreación no auditorio da Biblioteca de Galicia, o 19 de novembro; a de banda deseñada, novela curta e poesía na Cidade da Cultura, o 29 de novembro; a de cociña na Praza de Abastos, o 20 de novembro; a de música e danza no Gaiás, os días 28 e 29 de novembro, respectivamente; a de arte urbana nos tuneis da Cidade da Cultura, o 29 de novembro, e a de DJ está prevista na Sala Pelícano da Coruña. Así mesmo, as obras finalistas de artes plásticas e fotografía estarán expostas na igrexa da Universidade de Santiago desde o 11 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2026, mentres que as pezas de moda e deseño de xoias tamén se exhibirán no mesmo lugar desde o 18 de novembro ao 5 de decembro.




Comments