Sinte. Foro internacional de arte e cultura dixital
A Cidade da Cultura acollerá en novembro a primeira edición de Sinte. Foro internacional de arte e cultura dixital, un encontro que nace co obxectivo de abrir un espazo de reflexión e diálogo ao redor dos retos e oportunidades da creación dixital contemporánea. Sinte reunirá en Santiago algunhas das voces máis recoñecidas do momento neste ámbito, desde artistas, a estudios, especialistas en xestión cultural ou representantes de espazos dedicados á exhibición e á creación.
O 20 e 21 de novembro, máis dunha vintena de figuras da escena nacional e internacional —de países como Francia, Italia, Portugal ou Xapón—achegarán ao Gaiás a súa experiencia nun foro que, ademais de conversas e relatorios, incluirá espazos para experimentar en primeira persoa propostas artísticas innovadoras neste eido. Así, poderá verse por vez primeira en Galicia Materia, un dos espectáculos con visuais en directo do artista bretón Maotik, que fusiona arte e ciencia nunha peza onde as imaxes xerativas e o deseño de son se sincronizan e manipulan ao vivo evocando as transición dun estado a outro da materia.
Máis información:
www.cidadedacultura.gal




Comments