Skip to main content
nadal

O Concello da Baña convoca o IV Concurso de Postais de Nadal en Galego

O Concello da Baña vén de publicar as bases do IV Concurso de Postais de Nadal en Galego, unha iniciativa pensada para celebrar estas datas tan especiais e fomentar tanto a creatividade da mocidade como o uso da lingua galega no municipio.

Este certame, xa consolidado na programación cultural do Nadal, está dirixido a todas as persoas de ata 16 anos que estean a cursar Educación Infantil, Primaria ou Secundaria no CPI San Vicenzo, así como ás que estean empadroadas no concello.

As postais deberán ter temática relacionada co Nadal en Galicia, incluir unha felicitación en galego e presentarse en tamaño DIN A4, con plena autoría orixinal. Poderán entregarse no CPI San Vicenzo, na casa do concello ou por correo electrónico en cultura@concellodabana.gal.

O prazo para presentar os traballos estará aberto ata as 14:00 h do mércores 10 de decembro de 2025.

As participacións dividiranse en catro categorías segundo o ano de nacemento, e as persoas gañadoras recibirán unha caixa de agasallos de material escolar adaptada á súa idade. Ademais, todas as postais serán expostas no Mercado de Nadal do 14 de decembro no pavillón municipal, onde tamén se realizará a entrega de premios.

O xurado estará composto por tres membros do Concello da Baña, e valorará aspectos como a orixinalidade, a adecuación á temática, a técnica empregada e a calidade lingüística.

As postais gañadoras quedarán en poder do Concello e poderán empregarse para felicitar o Nadal a través das redes sociais institucionais.

BOP CORUÑA

Comments