Skip to main content
deseño

A Deputación da Coruña aproba as bases da 2ª Edición do Premio “Luis Seoane” de Deseño 2026

A Deputación provincial da Coruña, a través do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, vén de aprobar mediante resolución da Presidencia as bases reguladoras da 2ª Edición do Premio “Luis Seoane” de Deseño 2026, destinado a recoñecer traxectorias destacadas no ámbito do deseño profesional en Galicia.

Recoñecemento ao talento e á traxectoria profesional

O galardón ten como obxecto distinguir obras e carreiras de especial relevancia nas seguintes áreas, segundo a taxonomía do Estudo da economía do deseño en Galicia elaborado pola DAG (2022):

  • Deseño gráfico e comunicación visual

  • Deseño dixital

  • Deseño de procesos de organización

  • Deseño industrial e de produto

  • Deseño de espazos

  • Deseño de moda

Poderán presentar propostas todas as persoas e entidades interesadas na promoción do deseño, agás integrantes do xurado. Cada persoa só poderá presentar unha candidatura e non se admitirán autocandidaturas.

As persoas, grupos ou entidades propostas deberán contar cunha traxectoria profesional mínima de dez anos, e deberán cumprir algún dos seguintes requisitos: exercer ou ter exercido a súa actividade en Galicia, ou ser persoas nacidas en Galicia con obra relevante realizada para clientes galegos.

Dotación económica

O premio está dotado con 6.500 euros, con carácter único, podendo quedar deserto ou outorgarse ex aequo. Non poderá concederse a título póstumo.

Prazos e presentación telemática

O prazo de presentación de candidaturas será:

🗓 Do 10 de febreiro de 2026 ás 08:00 h
🔚 Ata o 10 de abril de 2026 ás 14:00 h

As solicitudes deberán tramitarse exclusivamente de forma telemática a través da plataforma SUBTEL da Deputación da Coruña.

Entre a documentación requirida inclúense memoria explicativa, currículo detallado, fotografías autorizadas das obras máis relevantes e declaración de conformidade da persoa candidata.

Xurado e resolución

O xurado estará composto por profesionais do ensino, distintas especialidades do deseño e o ámbito empresarial ou cultural, respectando o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes. A Deputada de Cultura presidirá o órgano, con voz pero sen voto.

A resolución final publicarase no Boletín Oficial da Provincia.

Protección de datos

As persoas participantes aceptan o tratamento dos seus datos e a posible realización de fotografías e vídeos durante o acto de entrega, conforme á política de privacidade da Deputación.

 

BOP CORUÑA

Comments