Skip to main content
musica

Meaño convoca a XV edición do Concurso de Novos Intérpretes “Jorge Domínguez”

O Concello de Meaño, a través da Escola Municipal de Música, vén de anunciar a convocatoria da XV edición do Concurso de Novos Intérpretes “Jorge Domínguez”, tras aprobarse as bases na Xunta de Goberno Local celebrada o 28 de novembro de 2025.

O certame, dirixido ao alumnado da Escola Municipal de Música matriculado no curso 2025-2026, busca fomentar o talento musical xuvenil e promover a participación en experiencias artísticas formativas. O prazo para presentar solicitudes será de dez días hábiles a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Categorías do concurso

O alumnado poderá participar nalgunha das seguintes categorías segundo a súa idade ou nivel:

  • MINI: alumnado de primeiro ano de instrumento.

  • INFANTIL: nados entre 2016 e 2014.

  • XUVENIL: nados entre 2013 e 2011.

  • SÉNIOR: nados entre 2010 e 2008.

Estrutura das probas

O concurso desenvolverase en dúas fases:

  • Fase I – Eliminatoria: interpretación dunha peza ou estudo duns 2 minutos, sen acompañamento de piano.

  • Fase II – Final: para as categorías Infantil, Xuvenil e Sénior, con interpretación de obras de maior duración e acompañamento de piano se é preciso.

A Fase I está prevista para o 24 de xaneiro de 2026 na Sala Strauss da Casa da Música de Meaño (non aberta ao público).
A Fase II celebrarase o 29 de marzo de 2026 no salón de actos do Centro Social de Dena, nun concerto aberto ao público.

Premios

O certame repartirá un total de 555 euros en premios, distribuídos en tres galardóns por categoría:

  • 1º Premio “Garrapatea”: diploma e lote de material musical.

  • 2º Premio “Fusa”: diploma e lote de material musical.

  • 3º Premio “Semicorchea”: diploma e lote de material musical.

Presentación de solicitudes

As inscricións deberán realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello de Meaño ou da súa Sede Electrónica, achegando a documentación indicada nas bases.

As bases completas poden consultarse no BOPPO, na Base Nacional de Subvencións e na web do Concello de Meaño.

Comments