O Concello de Arteixo convoca o 35º Certame de Narracións Breves “Manuel Murguía”
O Concello de Arteixo vén de publicar as bases da 35ª edición do Certame de Narracións Breves “Manuel Murguía”, unha convocatoria destinada a promover a creación literaria en galego, apoiar o talento narrativo e honrar a figura do historiador e escritor Manuel Murguía.
A convocatoria, dispoñible na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS 872489), establece que poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos, cunha única obra orixinal, inédita e non premiada. Os textos deberán estar escritos en lingua galega, ter entre 30.000 e 70.000 caracteres con espazos e presentarse en formato dixital con letra Arial 12, interlineado dobre e páxinas numeradas.
Presentación de obras
A entrega realizarase preferentemente pola sede electrónica do Concello de Arteixo, mediante o procedemento de solicitude xeral. As persoas participantes deberán achegar tres arquivos:
-
A obra literaria identificada só con título e lema/seudónimo.
-
A plica coa información persoal e un breve currículo literario.
-
A declaración responsable incluída nas bases.
Excepcionalmente admitirase o envío por correo postal seguindo as indicacións establecidas na convocatoria.
A organización garante o anonimato das obras, asegurando a eliminación dos metadatos antes da súa valoración polo xurado.
Premios e prazos
O prazo de presentación remata o 31 de xaneiro de 2026. O certame establece tres galardóns:
-
1º premio: 4.000 €
-
2º premio: 2.000 €
-
3º premio: 1.000 €
O xurado estará integrado por persoas expertas do ámbito literario e dará a coñecer o seu ditame o 8 de maio de 2026, data na que se celebrará o acto de entrega ao que deberán asistir as persoas finalistas.
As obras premiadas poderán publicarse nun volume colectivo nos cinco anos seguintes.
A participación no certame implica a aceptación íntegra das bases, que poden consultarse na BDNS. BOP CORUÑA




Comments