Skip to main content
ENTROIDO

Chapela convoca os premios do Entroido 2026 do “Enterro do Berete”

O Concello de Redondela vén de publicar a convocatoria dos Premios do Entroido de Chapela “Enterro do Berete 2026”, unha iniciativa destinada a apoiar e recoñecer a participación das comparsas nos actos desta celebración tradicional, cunha dotación económica total de 3.000 euros.

Os premios diríxense ás comparsas que participen no desfile do Enterro do Berete e distribúense en función do número de compoñentes e da presenza ou non de carroza. Así, as comparsas de máis de 80 integrantes con carroza poderán recibir 400 euros, mentres que as de entre 56 e 80 compoñentes optarán a 300 euros, e as de entre 26 e 55 integrantes con carroza a 200 euros. Ademais, establécese unha axuda de 100 euros para aquelas comparsas de máis de 25 persoas que participen sen carroza.

Para a concesión dos premios terase en conta o menor número de compoñentes entre os indicados na solicitude e os recollidos na acta do desfile. As comparsas deberán manter unha unidade temática tanto no vestiario como na actuación e non poderán repetir, de maneira substancial, disfraces utilizados en edicións anteriores.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 11 de febreiro, contado desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP. As persoas xurídicas deberán realizar a tramitación de forma exclusiva a través da sede electrónica do Concello de Redondela, mentres que as persoas físicas poderán presentar a documentación no Rexistro Xeral municipal.

Para optar aos premios será imprescindible acompañar a comitiva do Enterro do Berete, que se celebrará o sábado 21 de febreiro de 2026, coa concentración das comparsas ás 17:00 horas no Alto da Encarnación, en Chapela, e o inicio do desfile ás 18:00 horas.

As bases completas da convocatoria poden consultarse no Taboleiro de Anuncios, na web do Concello de Redondela e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Comments