
Subvencións a proxectos de voluntariado xuvenil
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2025.
O dito programa consiste en instar á participación das persoas mozas galegas como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado.
Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Para as persoas menores de 18 anos precísase, ademais, autorización da nai, pai ou persoa que exerza a titoría legal.
Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolveranse, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes actividades:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou aquelas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
g) Actividades relacionadas co ámbito familiar.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2025. As xornadas diarias serán de 6 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.
Requisitos:
- Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
- Desenvolver os proxectos subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.
- Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias.
Os trámites presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS320A
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 17 de febreiro de 2025.
Máis información no DOG do 15 de xaneiro de 2025 e en www.voluntariadogalego.org
Comments