Skip to main content
Clásicas desfeitas vol. 13  «Medea–Mamá–Monstro»

Clásicas desfeitas vol. 13 «Medea–Mamá–Monstro»

Clásicas desfeitas vol. 13  «Medea–Mamá–Monstro»

Clásicas desfeitas é un ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego coa Cidade da Cultura de Galicia para redescubrir os clásicos a través das linguaxes da escena contemporánea.
O ciclo encádrase no programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).

Nunha experiencia escénica que mestura o falso documental co freak show, Laura Porto e Helena Varela reúnen as pezas sobre Medea que deixaron Eurípides, a poeta Chantal Maillard e a novela de Christa Wolf para tratar de dilucidar quen foi realmente a muller baixo o mito.

Á vez, xogando a ser doutoras Frankenstein, as dúas artistas intentarán devolvela á vida nun híbrido robótico con forma de paxaro, salvaxe, belo e violento como a personaxe mitolóxica.
E buscarán implicar ao público na imposible decisión sobre o destino da súa creación, esta nova Medea. Un artificio que agocha unha revelación.

Medea–Mamá–Monstro configura o volume 13 do ciclo Clásicas desfeitas, co-producido polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura.
As dúas primeiras representacións da obra serán os días 28 de febreiro e 1 de marzo no Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás.
As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás a un prezo de 9 € (descontos aplicables).

Máis información:
www.cidadedacultura.gal

Comments