Campamentos e minicampamentos: Apertura da fase de resultas
No Diario Oficial de Galicia núm. 101, deste martes, 2 de xuño de 2026, publícase a Resolución do 22 de maio de 2026 pola que se acorda a apertura do prazo para a presentación de solicitudes para a cobertura de prazas vacantes ofertadas en fase de resultas no procedemento regulado na Orde do 30 de marzo de 2026 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2026 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260602/AnuncioG0766-250526-0001_gl.pdf
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 16.00 horas do día 3 de xuño de 2026 e estará aberto ata o día 2 de setembro de 2026 ás 21.00 horas.
As prazas vacantes ás cales se pode optar en fase de resultas publicaranse cada día ás 15.00 horas na páxina web https://xuventude.xunta.gal, de luns a venres, excepto festivos.
As prazas ofertadas cada día só se poderán solicitar ese mesmo día entre as 16.00 horas e as 21.00 horas; non se terán en conta as solicitudes de actividades que non figuren na lista de prazas vacantes do día de presentación da solicitude, ou presentadas fóra do referido horario.
As solicitudes das prazas de resultas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).




Comments