Skip to main content

Chantada abre o proceso selectivo para contratar a brigada municipal de prevención e defensa contra incendios forestais de 2026

O Concello de Chantada vén de convocar o proceso selectivo para a contratación temporal dunha brigada de prevención e defensa contra incendios forestais para a campaña de 2026, integrada por cinco profesionais.

A convocatoria contempla a selección de 1 xefe/a de brigada, 1 peón/oa condutor/a e 3 peóns/peoas, mediante o sistema de concurso-oposición, cunha duración prevista de tres meses.

Esta brigada desenvolverá labores de prevención e extinción de incendios forestais no termo municipal de Chantada, integrándose no dispositivo de emerxencias do distrito forestal correspondente. Ademais, poderá ser mobilizada fóra do municipio en situacións extraordinarias de emerxencia, de acordo coa planificación autonómica.

Os contratos están vinculados ao convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Chantada para as anualidades 2025-2026, cofinanciado parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

As persoas aspirantes deberán cumprir os requisitos específicos establecidos para cada posto, incluídos os niveis de coñecemento de lingua galega e, nalgúns casos, a titulación e o permiso de conducir correspondentes.

O proceso selectivo constará dunha fase de oposición e outra de concurso. As persoas seleccionadas deberán superar ademais un recoñecemento médico, unha proba física de esforzo e un curso obrigatorio de formación de 16 horas sobre prevención e defensa contra incendios forestais.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles contados desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

Comments