Skip to main content
colaboradores bolseiros

Colaboradores-Bolseiros nos Centros Residenciais Docentes

A Consellería de Educación convoca prazas de residencia para persoas COLABORADORAS BOLSEIRAS nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2026/27.

O número de prazas ofertadas é o seguinte:

Centro Residencial Docente da Coruña: 18 prazas.

Centro Residencial Docente de Ourense: 6 prazas.

Centro Residencial Docente de Vigo: 6 prazas.

As persoas adxudicatarias de prazas de colaboradora bolseira utilizarán os servizos da residencia de forma gratuíta, durante o período de funcionamento en que estean abertas as residencias.

Requisitos persoais e dispoñibilidade

1. A persoa solicitante deberá ter os seguintes requisitos:

a) Dezaoito anos feitos, ou acadar esta idade dentro do ano natural 2026.

b) Estar empadroada ela e os demais membros computables da unidade familiar a que pertenza nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia; este requisito entenderase referido exclusivamente á persoa solicitante cando acredite vida independente nos termos previsto no artigo 5.3 desta orde.

c) Posuír a capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.

2. A distancia entre o centro universitario onde curse os estudos e o centro residencial docente, así como os medios de comunicación existentes, deberán garantir a dispoñibilidade no horario en que teñan que realizar o devandito labor de apoio.

Requisitos académicos

1. A persoa solicitante deberá estar matriculada en ensinanzas universitarias de grao, mestrado oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2026/27 con matrícula completa ou parcial.

2. Considéranse matrícula completa os seguintes casos:

a) Estudos de grao: 60 créditos ECTS ou máis por curso académico.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o número de créditos ECTS que resulte de dividir o total dos que integran o plan de estudos (agás os de libre elección) entre o número de anos que o compoñan.

3. Considéranse matrícula parcial os seguintes casos:

a) Estudos de grao: entre 30 e 59 créditos ECTS por curso académico.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o 50 % dos créditos indicados no número 2.b).

Incompatibilidades

1. As persoas beneficiarias de praza de colaboradora bolseira non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.

2. Así mesmo, será incompatible con estar en posesión ou reunir os requisitos necesarios para obter un título académico de nivel igual ou superior ao dos estudos que pretende realizar.

3. A condición de persoa beneficiaria será compatible coa obtención de axudas na convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia.

Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal   (código de procedemento ED308A).

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Prazo de presentación de solicitudes:

Periodo ordinario: do 20 de xuño ao 7 de agosto de 2026 (este incluído).

Periodo extraordinario: do 31 de agosto e o 4 de setembro de 2026, ambos incluídos.

Máis información: DOG DE 19/06/2026
 

Comments