A Deputación de Ourense abre o proceso para renovar e ampliar as listas de contratación temporal de chófer/a especialista
A Deputación Provincial de Ourense publicou a convocatoria para a renovación e formación, mediante concurso de méritos, das listas de contratación de persoal laboral temporal na categoría de chófer/a especialista (subgrupo C2).
A convocatoria permitirá incorporar novas persoas aspirantes ás listas e actualizar os méritos das que xa forman parte delas. Ademais, revisarase de oficio a situación das persoas integrantes para actualizar a súa posición segundo a experiencia profesional acreditada.
As listas manterán a súa estrutura habitual:
- Lista principal para persoas con permiso de conducir C+E.
- Lista supletoria para persoas con permiso C, destinada aos postos que non requiran o permiso C+E.
As persoas interesadas deberán contar, entre outros requisitos, co título de ESO ou equivalente, o permiso de conducir correspondente, o certificado de aptitude profesional (CAP) e acreditar o coñecemento da lingua galega mediante o Celga 3 ou a superación da proba lingüística prevista.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As solicitudes poderán presentarse de forma presencial ou telemática a través da sede electrónica da Deputación.
A participación no proceso require o pagamento dunha taxa de 13 euros, coa posibilidade de exencións ou bonificacións para persoas con discapacidade, desempregadas de longa duración e familias numerosas.
A selección realizarase mediante concurso de méritos, valorando principalmente a experiencia profesional e a formación relacionada co posto. As listas resultantes terán unha vixencia de dous anos e servirán para cubrir as necesidades temporais de persoal da Deputación Provincial de Ourense.




Comments