Skip to main content
Programación de 2025 no Museo de Pontevedra

Programación de 2025 no Museo de Pontevedra

A Deputación presenta a programación deste ano no Museo de Pontevedra.

Comezará coa exposición da Polifónica, unha revisión dos seus cen anos de historia cunha atención especial aos panos que pintou Castelao para as súas representacións.

No outono abrirá a mostra sobre a fotografía en Pontevedra no século XIX, que porá o foco no valor patrimonial da imaxe fotográfica exhibindo imaxes ata agora inéditas. No último trimestre do ano abriranse dúas exposicións dedicadas a creadores cercanos: unha do pintor Leopoldo Varela, que fixo da cor o instrumento básico da súa pintura, e outra sobre a vida e obra do dramaturgo pontevedrés José Ruibal.

Tamén se porán en marcha proxectos en colaboración con outras institucións. A exposición Pinturas negras, a primeira en abrir as súas portas o próximo 21 de febreiro.

Continuará Infiltracións, unha iniciativa posta en marcha en 2024 e que consiste no diálogo entre artistas contemporáneas coa colección do Museo. Este ano ofrecerá dous novos puntos de vista: o da pontevedresa Marta Pazos, unha figura de referencia nas artes escénicas contemporáneas, tanto en Galicia como en España; e o da asturiana residente en Nova York Ira Lombardía.

Máis aló das exposicións, en 2025 o Museo mantén a súa vontade de participar nos debates contemporáneos, con xornadas e seminarios que abordan temas de actualidade. É o caso do seminario “Mulleres, feminismos, canon”, das xornadas “Hacedoras de cultura” e das Xornadas de Educación, que este ano recupera o Museo para abordar o papel dos museos e dos departamentos de educación dentro do tecido das comunidades culturais, na liña do tema ao que este ano se dedica o Día dos Museos.

Programación: https://museo.depo.gal/documents/75239/30540584/programacion-2025.pdf

Comments