Skip to main content

Lingua de Namorar: Mensaxes da categoría B

1. Ben querer

 

Hai que querer quererse para quererse.

Hai que quererse para querer que nos queran ben.

Hai que quererse ben.

E para querer e quererse ben, hai que falarse cunha lingua que namore.

 

2. Amor pixelado

 

E ti, que es máis ca unha notificación no meu móbil, máis ca un “gústame” na miña foto… Ti es o código fonte do meu corazón.

 

3. GPS do corazón

 

Non sei cara onde vou, pero se é contigo, non preciso mapas. O meu destino sempre es ti.

 

4. Amar polo vento

 

Amar é coma o vento,

rápido ou lento,

suave ou intenso.

O vento move as follas,

o amor sentimentos.

Que fariamos sen o vento,

que trae aos animais o seu alimento.

Que fariamos sen o vento,

que fai dunha aperta o mellor momento.

 

5. Aperta

 

Unha aperta de alguén que queres ten a maxia de esquecer o frío do inverno.

 

6. As bolboretas

 

Quérote, tanto que as veces case non podo pensar mais que nas bolboretas que se atopan no meu peito cada vez que che ven pasar, cada vez que me ves falar, cada vez que te miro ou cada vez que por ti elixo estar vivo

 

7. Pensamento dun namorado

 

Pensando e pensando

nun mundo sen ti

deime de conta

que prefiro non vivir

 

8. Autocoidado

 

Ámome enteira, sombra e luz,

ferida e bálsamo a un tempo.

No espello atopo a miña raíz,

son vento, sono e mar.

Non preciso máis tesouro:

son miña, son liberdade.

 

9. Familiarmente

 

Na miña raíz medra o amor,

en cada risa, en cada ardor.

Sangue e alma, luz no camiño,

lar que acolle dende o nacemento.

Familia, berce, forte abrigo,

onde sempre atopo alento.

 

10. Un territorio de dous

 

Que fácil quererche nas similitudes!

Parece desamor se as diferenzas se removen.

Se non estou no arco da vella, quero fuxir.

Hoxe escoito ou teu reto para navegar máis territorio,

Soster ás bolboretas travesas,

Á incomodidade do desacordo,

Ó pesar de afastarse un intre.

Ver o arco da vella, non só require luz.

Esquecín que tamén hai nubes no fondo.

 

11. Como non?

 

Entendo de amor, porque medrei rodeada de bicos, agarimos e apertas.

Entendo de amor, porque meu avó gardábame os amorodos da horta.

Entendo de amor, porque meus pais arroupábanme, aínda sendo un traste.

Entendo de amor, porque desperto vendo saír o sol á veira do mar.

Entendo de amor, pola miña xente.

Como non vou entender de amor, se son galega?

 

12. Ignis amoris

 

O desexo non reside no ventre,

nin nas mans que rozan o arroubo.

 

É a individualidade,

son os dentes que dormen un só corpo,

os orgasmos que só comparten

unha boca.

 

É o reloxo detido na fantasía do sexo virxinal,

son os versos que percorren as pernas.

Son as rosas que rompen os ósos.

 

 

13. Contigo, pero Eu

 

Pensaba que querer era caro,

pois cría que amar era negociar

e… dende o medo de perder

rematar sempre dando de máis.

Tempo, agasallos, perdón, saúde.

 

Faltaba o importante, faltaba…

Eu.

Antes, contigo e despois de ti:

Eu.

 

Quérote cando son como eu son,

quérote ó coñercerme pra ser.

Porque ámote ó deixarme querer

e ó amarme Eu para te querer.

 

14. O amor dun pai a unha filla

 

Só unha folla en branco

mil palabras por utilizar

moito sentimento que contar.

Ti meu pequeno gran amor

eres todo o que un necesita

o que o mundo che pode dar,

por contar que orgulloso estou de ti

canto te voto a faltar

os poucos ou moitos dias

que sin verte teño que estar.

O amor mil veces soñado

de alguén que tanto te necesita.

Querote meu amor.

 

15. Pantasmas dun recordo

 

Os meus sentidos me enganan,

Vexote onde sei que non estás,

Síntote cando sei que xa non estás.

 

O pantasma do que foste persegueme ,

Persegueme naqueles lugares que soían ser nosos,

Nosos como eran as orellas que me soias facer,

Faciamas polo aprecio que me tiñas,

Aprecio que agora recordo con nostalxia,

Nostalxia que desexaría non fose nostalxia.

 

 

 

 

16. Un dragón mendigo

 

En menos dun instante paseí de ser a persoa máis rica, a ser non máis ca unha mendiga. Levaronte lexos meu preciado amor, e contigo levaches os nosos recordos e unha parte de min. Sempre intentei protexerte como un dragón ao seu tesouro, porque iso eras para min, máis non puíden loitar contra a sabia e astuta Morte.

 

17. Bicos ao ceo estrelado

 

 

Cor camelia e amorodo carnoso

Os teus beizos facían ás sementes palpitar

E nacían abelás onde non había auga

E as túas mans abrazábanas ao caer ladeira abaixo

Sempre na procura dun sorriso no que volver brotar

 

18. O abrigo do amor

 

Se tes as mans frías e quebradas,

ata a auga máis fría semella templada.

E así che pasa co querer:

confundes faíscas cun gran amencer.

 

Mais un día, coma un sol no inverno,

chega un lume firme e eterno.

Non queima, non fuxe, non deixa ferida,

só enche de luz cada hora da túa vida.

 

19. Leito en construción

 

Vén, amor, a levantar barricadas sobre o noso leito en construción

mentres vivo das ofertas

deste bocio nodular

que me bloquea.

 

 

20. Estado de transición

 

Os instantes dispersos

afírmanse na súa autonomía

e as nosas miradas metálicas

crúzanse

nunha leve transición

case imperceptible.

 

21. Tan só ama

 

Ama o que tes, porque non sabes cando o podes perder.

Ama o que es, porque é o resultado das túas decisións e accións.

Ama o que dis, porque as verbas son maxia ou destrución.

Ama o que sentes, porque é o gps da vida.

Ama de onde ves, porque alí xorde a túa esencia.

Ama a onde vas, porque se non o amas…

A onde vas? Cambia de rumbo! Dá marcha atrás!

 

22. Amor (na) e (pola) lingua

 

Dáme un biquiño na meixela,

vai pola beiriña, non te perdas.

Limpa as bágoas ruliña,

que a morriña sempre está, sempre queda…

Só queda aturuxar un pouquiño.

Hoxe chove, mañá orballa

e se acougas… nun mes serena.

 

23. Relacións

 

A amizade para min é ser un pouco amable e un pouco serio. Eu amo con todo o meu corazón. Quero ter recordos para o futuro. Pasar un tempo falando do tempo. Saír os sábados e domingos. Os venres xogar ao baloncesto, xogadas e canastras. Quérote dende o pasado, dende pequenos.

 

24. Sentirse ben.

 

O amor para min son as persoas que me rodean.

As amizades que me fan sentir ben.

A miña familia á que quero moito.

O meu can Charlie.

Tódolos anos que pasamos xuntos.

Estar en casa.

A música.

Non me gustan as pelexas.

 

25. As cousas cotiás.

 

 

Amo a miña familia.

Quero moito ao meu pai, recordo con amor canto me gustaba ir contigo á piscina, ao ximnasio e á igrexa.

Síntome feliz cociñando co meu irmán e despois disfrutar comendo xuntos.

Gústame a música e tocar a batería.

Dar paseos.

Ir a festas de aniversario.

Buscar voos para estar xuntos pronto.

Orar moito.

 

26. Quérote ver

 

 

A primeira vez que te vin.

Bicos fortes.

Apertas.

Sentín bolboretas no peito.

Contigo a cara pónseme vermella.

Lembro o meu vestido azul, curto, curto.

Ti fasme sorrir.

 

27. Non hai máis pan na mesa

 

Nas túas mans ledas a fariña mergúllase coma o fai nas fendas da codia do pan.

O preludio: queixo levantado, ollos bulideiros, mesa baleira.

Non hai maior xesto de amor que partillar a broa cando non hai máis pan na mesa.

 

28. Latexos sicronizados

 

Non sei cando a túa risa se converteu na miña canción favorita ou cando a túa mirada comezou a ditar o ritmo dos meus días. Só sei que cando estamos xuntos, o mundo parece encaixar á perfección, coma se os nosos latidos encontraran o seu ritmo exacto.

 

 

29. Destino inevitable

 

Bastoume cun segundo en namorarme de ti, ver como a miña vida contigo ía ser un soño con final feliz.

 

Bastoume cunha mirada para saber que nos teus ollos atoparía o meu fogar, que cada pestanexo teu iluminaría os meus días e que, ao teu lado, o amor non sería só un sentimento, senón un destino inevitable.

 

30. Baixo o luar

 

O teu rostro vólvese aínda máis máxico baixo o luar. Que fermoso luce o teu cabelo e a túa barba na noite, cando por fin repousamos do balbordo da cidade, cando podemos fuxir cara ao miradoiro do outeiro, sentados no banco, ollando o encoro, vendo como a noite semella día.

 

Que dirían os rumorosos se te visen, así, tan feiticeiro nesta noite plena?

 

31. Gústame

 

Gústame mirarte. Cando dormes. Cando sorrís. Cando balbuces disparates para, entre nervios, facerme rir. Gústame mirarte. E que me mires. Con ese ollar que me seduce, que me intriga, que me ispe. Gústame que che importen as miñas adversidades e os meus éxitos. Gústame que che guste que me preocupe o teu devir. Gústame gustarche. E que me gustes.

 

 

32. Baixo todas as lúas do mundo

 

Quérote baixo a lúa de Verona. Quérote baixo a lúa de Mérida. Quérote baixo a lúa chea do mes agosto. Pasearmos xuntos, collidos da man, pisando a herba, a area ou o asfalto. Mar e monte. Salgado e doce. Alto e baixo. Ás présas e á modo. E que, de súpeto, nos vexamos envoltos nunha aperta desas que deteñen o tempo baixo todas as lúas do mundo.

 

33. Silencio

 

O silencio é o meu amigo.

 

Aloumíñame no alba derradeiro

 

E tatexa nanas para me durmir

 

mais eu non as escoito

 

porque te quero escoitar a ti

 

E non son capaz de dicircho

 

Porque o silencio non te quere

 

Nin me quere a min

 

eu son

 

silencio

 

 

34. Baleiro

 

Follas dos castaños que ondean no vento

Barcos que navegan na tempestade

Palabras que se esvaecen entre os dedos

E bágoas que conflúen no mar.

 

O reloxo rematando coas vidas

Os mísiles apurando as despedidas

A morriña acorando na ausencia

E as flores murchas pintando a inexistencia

 

Ti marchaches

e a min só me queda isto

 

Soidade

 

Baleiro

 

Nada

 

35. Amor, así era o teu nome

 

Pecho os ollos e cheira:

 

A flores recién cortadas.

 

A pan sen sal.

 

A pel quecendo ao sol.

 

A auga salgada de Aguete.

 

A mandil manchado de fariña branca.

 

A cine de barrio.

 

A castañas.

 

A paredes pintadas con fotos.

 

Ao teu pixama de lunares.

 

Aos teus ollos azuis, que deixaron de coñecerme.

 

E as túas mans de seda, que se despediron arrugadas.

 

 

36. Amor a través do tempo

 

De todos os momentos, o meu favorito é mañá,

porque sorrías coma onte e semellaba eterno.

 

Alí collín a túa man para camiñar o sendeiro

percorrido hai un século, que lembraremos de nenos.

 

Pecha os ollos, pero non tan cedo.

 

Agarda a que non estea

e ábreos de novo cando me sintas preto.

 

Ámote. A través da lingua.

 

Ámote. A través do tempo.

 

37. Feitizo de amor galego

 

"O noso amor é coma a queimada: forte coma o augardente, doce coma o azucre e eterno coma as palabras do conxuro."

 

38. O compás do noso querer

 

"O noso amor é como unha muiñeira ao vento: libre, forte e sempre a ritmo do corazón."

 

39. Quixera ensinarche tan forte; tan alto, tan lonxe.

 

 

Quixera ensinarche como coas unllas desgarro o medo cando prende no teu corazón; quixera ensinarche as enrugas, a vida, e a túa propia respiración;

pero,

aquí me conteño

 

preguntándome se nalgún espazo existe

unha versión de min a menos dun paso de ti

ou un tempo

que non só contempla

 

o moito que quixera ensinarche

 

mentras ti me bicas sen sabelo.

 

40. A voz no tacto

 

Cantas vidas acontece un desexo?

 

Cantos corpos habita unha ilusión?

 

A voz non se escoita simplemente;

concíbese dunha semente invisible no profundo do corazón, dende o etéreo;

sucédelle a expansión enredándonos no espazo infinito da súa provocación.

 

A voz,

non se escoita simplemente;

xéstase

e vibra

inconfundible

sobre a pel

con eco creador.

 

41. Amodiño

 

Ando á procura de tí

 

mais non son quen de atoparte,

 

coma erbello no pallar

 

coma Elisa quixo amar,

 

a Marcela no meu lar.

 

 

Tras moito traballo e amodiño,

 

tíñame no espello diante,

 

tantos anos agardando

 

e era eu o máis importante.

 

 

'Quérete miña neniña'

 

díxome a avoa tan brilante,

 

que mentres tí te teñas estima,

 

ninguén poderá mancarte.

 

42. Amarnos ben

 

Porque me respectas, me desexas ceiba e non presa. Porque a i-alma sinte paz, porque son eu e eres fogar.

 

O amor san é incómodo porque che fai cuestionar o que sempre criches, porque te tragas o orgullo e aceptas que te equivocaches, porque empatizar é máis importante que gañar.

 

E por iso nos quero sans, porque non concibo outro xeito de querer.

 

43. Código binario

 

Pregunteille a ChatGPT que era o amor, se era quen de resumilo nuns poucos caracteres."01000001010011010100111101010010" respondeu. Supoño que nunca estivemos preparados para reducir o amor a un simple código binario, quizais nin tan sequera a suma de 2 persoas. O amor, sexa o que sexa, tense que experimentar, vivir, sentir... Non se decodifica.

 

44. Deslembranzas

 

Carmen, 78 anos, ten Alzheimer dende fai 7 aproximadamente. Non recorda o nome do seu marido, leva 60 anos casada. El converteuse en coidador aos 80 anos, ela todavía o quere, pasados estes 7... Ningún poderia definir que è o amor, non è necesario.

 

45. Amnesia

 

Cando penso que ninguén pode facelo, chegas ti e diagnostícome de amnesia. Espero que non sexa temporal, porque fasme sentir nunha caída libre da que non quero marchar.

 

46. Medo

 

Teño medo de dicir o teu nome. Medo de quererte tanto. Medo de dicilo e perder unha parte de ti, agasallandoo ao aire.

 

 

 

Vota as túas mensaxes favoritas  

Comments