
Campus de Verán XuvenCiencia en Lugo
A Universidade de Santiago organiza un ano máis o Campus de Verán XuvenCiencia, este programa céntrase na realización de proxectos científicos e obradoiros e complétase con outras actividades como xincanas, visitas, concursos, unha festa de despedida… e algunha sorpresa máis.
A décima terceira edición do Campus de Verán, dotada con 95 prazas, desenvolverase en Lugo do 29 de xuño ao 5 de xullo e a preinscrición ábrese o 9 de maio ás 15.30 horas.
Ofértanse actividades nos ámbitos científico-técnico e científico-social, así como no campo das artes e das humanidades. O reparto de ditas actividades faise segundo as preferencias que se indiquen na preinscrición.
A partir das 18:00 participaredes todas e todos en actividades lúdicas dentro do programa Lumieira Acompaña.
O fomento da convivencia, dentro e fóra das actividades científicas, constitúe un dos principais valores que se pretende impulsar dende o Campus XuvenCiencia e por iso, na edición deste ano, inclúese unha vez máis o exitoso programa Lumieira Acompaña, con actividades para as tardes e noitiñas, e aloxamento en residencias do Campus para todo o alumnado matriculado.
Requisitos: alumnado de 3º e 4º ESO e BAC así como de ciclos medios de FP. A idade máxima é 19 anos.
Prezo: 250 € para o Campus de Verán XuvenCiencia cos programas de serán e noitiña Lumieira Acompaña e con aloxamento.
Comments