1. QUE INCLÚE O CAMPAMENTO E MINICAMPAMENTO?
As persoas participantes nas actividades xuvenís da programación da Campaña de verán 2025 disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da persoa moza.
b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil, campamento xuvenil ou aloxamento turístico.
c) A manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para o desenvolvemento da actividade xuvenil.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con discapacidade que por razón das súas necesidades especiais precisen apoio, disporase de persoal que conte coa formación e experiencia necesarias para atendelas.
f) A atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, o transporte desde Santiago de Compostela, que será o punto de saída, ata o lugar de destino do intercambio, así como o retorno ata o mesmo punto de saída.
2. QUEN PODE SOLICITAR PRAZA?
Poden solicitar praza nas actividades ofertadas as persoas mozas residentes en Galicia.
Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas é requisito saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade.
Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento nesta convocatoria. A praza adxudicada será intransferible.
IDADES
Poden solicitar a participación nas actividades ofertadas as persoas nacidas no ano sinalado para cada actividade no anexo I da orde reguladora.
En canto ás idades mínima e máxima, para poder participar na Campaña de Verán 2025, cómpre destacar:
- As persoas nacidas no ano 2016 deberán ter feitos os 9 anos ao inicio do campamento.
- As persoas nacidas no ano 2007 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.
PERSOAS CON DISCAPACIDADE
As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán facer constar esta circunstancia no apartado que figura no seu anexo de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisase.
Para facilitar a selección dos campamentos e instalacións xuvenís máis axeitadas ás condicións das persoas solicitantes, a programación de actividades e as características das instalacións nas que se desenvolven poderanse consultar nesta web (contido en preparación)
En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar.
As persoas solicitantes con discapacidade igual ou superior ao 33% deben optar, de conformidade co sinalado no apartado COMO PRESENTAR A SOLICITUDE, por unha destas dúas vías: polas prazas do procedemento xeral ou polas prazas reservadas para inclusión.
MENORES EN SITUACIÓN DE TUTELA OU GARDA ADMINISTRATIVA
As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial, poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.
NORMAS DE PARTICIPACIÓN
O incumprimento dos requisitos sinalados para todas as persoas solicitantes impedirá a súa participación no campamento.
3. COMO PRESENTAR A SOLICITUDE
3.1 TIPOS DE SOLICITUDE
Todas as persoas que presenten unha solicitude deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo II da orde de convocatoria, correspondente ao procedemento BS303A.
SOLICITUDE INDIVIDUAL
- Prazas do procedemento xeral indicadas no anexo I, alíneas A, B e D da orde de convocatoria: estas prazas poden ser solicitadas por calquera menor que cumpra os requisitos establecidos na orde, incluídas as persoas con discapacidade.
- Prazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade (anexo I, alínea C): as persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% poderán solicitar as prazas do procedemento xeral indicadas no anexo I alíneas A, B e D ou as prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I alínea C. No caso de optar polas prazas reservadas para inclusión deberán marcar a casiña correspondente no formulario de solicitude.
SOLICITUDE VINCULADA A OUTRA OU OUTRAS SOLICITUDES
No suposto de dous/dúas ou máis irmáns/irmás, poderase solicitar idéntica/s instalación/s, quenda/s e campamento/s, identificado/s co mesmo código e pola mesma orde de prioridade, vinculando as solicitudes entre si, de xeito que ou ben resultarán adxudicatarias todas elas para a mesma instalación, quenda e campamento, ou ben ningunha. A situación das persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar equipárase ás de persoas irmáns.
Todos/as os/as menores deberán, neste caso, cumprir os requisitos de idade esixidos para as instalacións, quendas e campamentos solicitados.
Na solicitude de cada unha destas persoas menores deberase indicar que se trata dunha solicitude vinculada con outra/a, marcando a casiña correspondente, e indicando o número de DNI/NIE da/s outra/s persoa/s menor/es coas que se quere vincular.
Cando se trate dunha persoa sen discapacidade que teña irmán/irmás con discapacidade e queiran presentar solicitudes vinculadas entre si, só poderán solicitar as prazas do procedemento xeral indicadas no anexo I alíneas A, B e D. En ningún caso unha persoa sen discapacidade igual ou superior ao 33% poderá ocupar unha praza das reservadas para inclusión no anexo I alínea C.
O incumprimento do disposto no apartado anterior por algunha das persoas solicitantes suporá a exclusión de todas as persoas que presenten solicitudes vinculadas á desa persoa.
As solicitudes vinculadas teñen efecto durante o sorteo para a adxudicación da praza e para xerar as listas de espera. Non obstante, no momento das adxudicacións desde a lista de espera teranse en conta como solicitudes individuais.
No caso de non optar en todas as solicitudes que se vinculan por idéntica/s instalación/s, quenda/s e campamentos/s, identificado/s co mesmo código e pola mesma orde de prioridade, consideraranse solicitudes individuais non vinculadas.
3.2 COMO CUBRIR A SOLICITUDE
Os anexos de solicitude deben ser cubertos de acordo coas seguintes normas:
a) Cada persoa moza só poderá cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas de campamento. Cada quenda vai identificada cun código no anexo I da orde reguladora (alíneas A, B, C e D).
b) Os datos da persoa solicitante deben ser os da persoa moza que opta a participar nas actividades, debendo indicarse o seu número de DNI ou NIE.
c) As solicitudes deberanas asinar as persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras das persoas menores solicitantes.
d) As persoas solicitantes deben residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, polo tanto, o enderezo que se inclúa na solicitude deberá ser, necesariamente, nalgún concello de Galicia.
e) No caso de que un/ha menor figure en máis dunha solicitude, sexa esta asinada pola mesma persoa proxenitora, titora ou acolledora, ou por outra distinta, serán inadmitidas todas as solicitudes dese/a menor, e este/a quedará fora da adxudicación.
f) No caso de solicitudes vinculadas, de non optar por idéntica/s instalación/s, quenda/s e campamento/s, identificado/s co mesmo código e pola mesma orde de prioridade, consideraranse solicitudes individuais non vinculadas.
A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.
3.3 PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Logo da presentación da solicitude asignarase un número de expediente que poderá consultarse no apartado “A miña sede” da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
PRAZOS
Presentación de solicitudes | Dez días hábiles que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. |
Consulta do expediente |
O número de expediente asignado á persoa menor solicitante e os datos da solicitude poderán consultarse no apartado “A miña sede” da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se na consulta se detecta algún erro ou non consta a solicitude que a persoa interesada presentou en forma e prazo, debe chamar a calquera dos números de teléfono que aparecen no anexo VI, de información sobre a convocatoria. |
Emenda de erros | A comunicación dos erros deberá efectuarse, como data límite, ata tres días hábiles antes do sinalado para a realización do sorteo. Unha vez transcorrido ese día non procederá reclamación ningunha. |
Sorteo público | O día, hora e lugar de realización do sorteo anunciarase nesta páxina web. |
Presentación da documentación das persoas participantes seleccionadas | Nos cinco días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación do resultado do sorteo nesta páxina web. |
Chamadas ás persoas participantes en listaxes de espera | A apertura da fase de reservas publicarase nesta páxina web. |
Adxudicación das prazas en resultas | As prazas de resultas estarán expostas nesta páxina web, onde se anunciará a apertura desta fase. |
4. ADXUDICACIÓNS DE PRAZAS
A adxudicación das prazas, tanto no procedemento xeral (anexo I, alíneas A, B e D) como no de prazas reservadas para inclusión (anexo I, alínea C), realizarase por sorteo, por medios informáticos.
Efectuaranse dous sorteos independentes segundo o procedemento polo que se solicite, o xeral ou o de prazas reservadas para inclusión.
O día, hora e lugar de realización do sorteo anunciaranse na páxina web de xuventude, xuventude.xunta.gal.
Mediante este sorteo cubriranse as prazas que se especifican no anexo I (alíneas A, B, C e D).
No procedemento xeral a adxudicación de prazas a persoas con discapacidade que soliciten campamentos noutras comunidades autónomas relacionados no anexo I D, requirirá da confirmación de admisión da comunidade autónoma de destino, conforme ao seu propio procedemento en materia de discapacidade. Unha vez realizado o sorteo, realizarase a consulta á comunidade autónoma de destino, nos casos que proceda.
LISTA DE ESPERA
O sorteo tamén dará lugar a unha lista de espera para cada unha das quendas de campamentos recollidas no anexo I.
Incluirase a cada participante unicamente nunha lista de espera para unha única quenda entre as que solicitou.
O número de reservas en cada quenda será do 50% das prazas convocadas. Xerarase a lista de espera tanto no sorteo de prazas do procedemento xeral como no específico de prazas reservadas para inclusión.
RESULTADO DO SORTEO
A Dirección Xeral de Xuventude fará público o resultado do sorteo, incluídas as listas de espera, e publicará nesta páxina web a lista de persoas admitidas para cada quenda de campamentos e a lista de espera correspondente, no prazo máximo de 2 meses dende a publicación da convocatoria.
Para os efectos desta publicación e en virtude da normativa de protección de datos persoais, as persoas admitidas virán identificadas exclusivamente polo número de expediente asignado pola aplicación informática de xestión do procedemento.
Procederase do mesmo xeito respecto das persoas incluídas nas listas de espera.
O número de expediente asignado á persoa menor solicitante poderase consultar no apartado “A miña sede” da Sede Electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. Aquí tamén se poderá consultar se, tras realizar o sorteo, á persoa menor solicitante se lle adxudicou algunha das actividades incluídas no anexo I da orde.
5. DOCUMENTACIÓN QUE DEBEN PRESENTAR AS PERSOAS SELECCIONADAS TRAS A ADXUDICACIÓN DE PRAZA NO SORTEO.
5.1 As persoas adxudicatarias de praza deberán presentar a seguinte documentación:
- Xustificante do pagamento.
- Copia do libro de familia ou certificado de nacemento.
- Resolución xudicial na que se designe o/a titor/a da persoa solicitante.
- Copia da tarxeta sanitaria ou seguro médico privado.
- Cuestionario de saúde e autonomía persoal e declaración de saber nadar (anexo III). As persoas con discapacidade deberán facilitar neste documento a información actualizada que permita valorar os apoios específicos que precisa, de ser o caso.
- Declaración sobre a autorización para a captación de imaxes (anexo IV).
No caso de persoas con discapacidade, ademais:
- Certificado acreditativo do grao de discapacidade cando non fose expedido na nosa comunidade autónoma ou se opoñan á súa consulta, e a copia do ditame técnico facultativo emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente.
5.2 Presentación da documentación:
A documentación sinalada debe presentarse por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica (sede.xunta.gal).
Deberá acceder ao seu expediente e elixir a acción: documentación complementaria para a adxudicación.
Debe seleccionar, como unidade destinataria da documentación, o Servizo de Xuventude e Voluntariado da provincia onde se desenvolva o campamento.
No caso de intercambios debe seleccionar o Servizo de Actividades para a Xuventude.
5.3 Prazo de presentación da documentación: cinco días hábiles que comezarán a contar desde o día seguinte ao da publicación do resultado do sorteo.
6. ADXUDICACIÓN DE PRAZAS ÁS LISTAS DE ESPERA
As vacantes que se produzan por non presentar a documentación, por presentala fóra do prazo establecido ou por renunciar á praza obtida no sorteo serán ofrecidas na fase de reserva dos respectivos procedementos (xeral ou de prazas reservadas para inclusión) ás persoas solicitantes que figuran nas listas de espera correspondentes.
No caso de que se produzan baixas, o servizo de xuventude da xefatura territorial da provincia na que se localice o campamento ou a Dirección Xeral de Xuventude, no caso de campamentos de intercambio, contactarán, seguindo a orde de lista, coas persoas da lista de espera mediante chamada telefónica ao número de teléfono indicado no formulario de solicitude, no apartado do representante legal.
Realizaranse 3 chamadas entre as 9.00 e 14.00 h, que serán rexistradas para a constancia da súa realización. De non contactar coa persoa interesada, esta será dada de baixa e chamarase á seguinte na lista de espera.
Unha vez recibida a comunicación e aceptada, na mesma chamada telefónica, a praza ofrecida, deberán presentar electronicamente a documentación sinalada no punto 5 nun prazo de 2 días hábiles a partir desta chamada.
A documentación deberá presentarse electronicamente conforme ao sinalado no punto 5.2.
No caso de non presentar a mencionada documentación no prazo indicado, a praza ofreceráselle á seguinte persoa da lista de espera.
A apertura da fase de reservas publicarase nesta páxina web.
7. ADXUDICACIÓN DAS PRAZAS DE RESULTAS
As prazas que non se cubrisen polos procedementos de adxudicación expostos anteriormente serán ofertadas na fase de resultas a calquera solicitante que as demande, aínda que non presentara unha solicitude no prazo do artigo 5, sempre que reúna as condicións e requisitos esixidos na orde reguladora para participar na convocatoria.
Estas prazas estarán expostas no apartado FASE DE RESULTAS nesta páxina web, onde se anunciará a apertura da citada fase de resultas.
A oferta de prazas actualizarase en tempo real, en función das prazas que vaian quedando dispoñibles.
Para solicitar as prazas de resultas, a persoa interesada deberá presentar un formulario en liña, conforme se indicará nesta páxina web.
As prazas de resultas adxudicaranse por orde de recepción da solicitude.
Se unha persoa xa ten adxudicada unha praza en calquera da fases do procedemento (sorteo, fase de reserva ou fase de resultas) non poderá resultar adxudicataria dunha nova praza en fase de resultas se non renuncia á praza previamente adxudicada. No formulario de solicitude de resultas habilitarase un espazo para comunicar esta renuncia.
Se a persoa solicitante figurase na lista de espera dalgún campamento, deberá comunicalo no formulario de solicitude de resultas para, de ser o caso, dala de baixa nesa lista antes da adxudicación da praza solicitada en resultas.
A reserva de praza deberá facerse de maneira individual, para unha única persoa solicitante.
Cada solicitante poderá facer a solicitude de, como máximo, tres quendas de campamento, por orde de preferencia, sempre que reúna o requisito de idade para todas as solicitadas.
Unha vez comprobada na aplicación informática a dispoñibilidade da praza solicitada, asignarase esta á persoa interesada e comunicarase a adxudicación mediante correo electrónico ao enderezo indicado na solicitude, que disporá dun prazo máximo de dous días hábiles para presentar a documentación relacionada no punto 5.
A documentación sinalada debe presentarse a través da sede electrónica (sede.xunta.gal) no apartado “A miña sede”. Deberá acceder ao seu expediente e elixir a acción: documentación complementaria para a adxudicación.
Debe seleccionar, como unidade destinataria da documentación, o Servizo de Xuventude e Voluntariado da provincia onde se desenvolva o campamento.
No caso de intercambios debe seleccionar o Servizo de Actividades para a Xuventude.
No caso de non aceptar a adxudicación deberá indicalo contestado ao correo electrónico de comunicación da adxudicación, no prazo de dous días.
8. PREZOS
Os prezos de aplicación para cada actividade e quenda aparecen detallados no anexo I (alíneas A, B, C e D) da orde de convocatoria, fixados conforme á Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
DESCONTOS:
- 50% para as persoas membros de familias que teñan o título de numerosa, membros de familias monoparentais e membros de familias acolledoras.
- 25% para as persoas usuarias do Carné Xove.
Os descontos citados non serán acumulables en ningún caso.
Para aplicar estes descontos hai que estar en posesión, no momento do pagamento da taxa, dos títulos habilitantes correspondentes: Carné xove vixente e activado, título de familia numerosa, certificado de recoñecemento da condición de familia monoparental e resolución de acollemento familiar, expedidos polo órgano competente.
As persoas solicitantes deberán indicar na súa solicitude, marcando o recadro correspondente do formulario, se teñen ou non os citados títulos habilitantes, para a súa posterior comprobación pola Administración; no caso de que se opoñan a esta comprobación deberá achegarse a copia do título vixente de familia numerosa, do certificado de familia monoparental, da resolución de acollemento familiar ou a do Carné xove, segundo o desconto aplicable.
9. DEVOLUCIÓN DE COTA
Se unha vez obtida a praza por calquera dos procedementos de adxudicación e aboado o prezo correspondente a persoa interesada non puidese asistir ao campamento, só terá dereito á devolución deste nos casos e polas causas seguintes:
a) Renuncia á praza comunicada por escrito sempre e cando solicite a devolución da cantidade aboada polo menos sete días hábiles antes do inicio do campamento.
No caso de prazas adxudicadas en fase de reserva ou de resultas e cando non concorra ningunha das outras causas recollidas neste apartado, o prazo para comunicar a renuncia e solicitar a devolución da cota será de 5 días hábiles antes do inicio do campamento, e só se admitirá a devolución de cota cando a data do seu inicio permita presentar a solicitude de devolución con esta antelación mínima de cinco días hábiles.
b) Anulación do campamento ou non prestación do servizo por causas non imputables á persoa interesada.
c) Ingreso hospitalario ou causa médica grave que afecte á persoa menor e lle impida incorporarse ao campamento, que deberá acreditarse con informes médicos e/ou do hospital no que estea ingresada a persoa menor.
d) Falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata 2º grao. Esta causa debe estar acreditada con informes médicos e/ou do hospital onde estea ingresado o familiar, ou co certificado de defunción, de ser o caso.
e) Abandono do campamento por calquera dos motivos recollidos na letra c), sempre e cando non teña transcorrido máis do 50 por cento dos días de duración deste.
As solicitudes de devolución de cota amparadas no suposto de renuncia recollido na letra a) sen que concorra ningunha das causas recollidas nas letras b), c), d) e e), serán denegadas se non se presentan coa antelación mínima sinalada na citada letra a): antelación de 7 días hábiles anteriores ao inicio do campamento ou 5 días hábiles no caso de prazas de reserva ou de resultas.
As persoas interesadas dispoñen dun modelo normalizado de solicitude de devolución de cota de participación (anexo V da orde), dispoñible no enderezo sede.xunta.gal (indicando o código do procedemento no buscador).
Estas solicitudes presentaranse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
As solicitudes de devolución de cota dirixiranse ao departamento territorial da provincia onde se localice o campamento obxecto da solicitude.
No caso de campamentos de intercambio noutras CCAA, a solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Xuventude.
10. INCORPORACIÓN AOS CAMPAMENTOS E MINICAMPAMENTOS
A incorporación e a recollida nas actividades en Galicia será por conta da persoa interesada nos termos que se indiquen pola Dirección Xeral de Xuventude.
No caso de intercambio para actividades noutras comunidades autónomas será por conta da persoa interesada tanto o traslado ata Santiago de Compostela, o día de saída, como o traslado para a recollida do/a menor, no mesmo lugar, o día de retorno.
No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, será responsabilidade das persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras o traslado para o regreso ao seu domicilio e os gastos que se ocasionen.
11. OBRIGAS DAS PERSOAS ADXUDICATARIAS
As persoas adxudicatarias das prazas estarán obrigadas:
- A incorporarse ao campamento e regresar polos medios e nos prazos establecidos.
- A non abandonar o campamento sen o permiso da persoa responsable. En todo caso, o abandono do campamento antes da súa finalización requirirá a presenza das persoas proxenitoras, titoras, acolledoras ou persoa debidamente autorizada por estas, e será responsabilidade delas o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que por tal causa se ocasionen.
- A respectar as normas establecidas polos equipos de animación, as normas de réxime interior das respectivas instalacións, as relativas ao cumprimento de medidas persoais de hixiene e prevención existentes no momento do desenvolvemento do campamento e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia.
Poderán ser expulsadas do campamento as persoas participantes que non respecten as citadas normas e cando o seu comportamento dificulte ou impida a convivencia.
ENLACES DISPOÑIBLES :
Enlace a anexos
Teléfonos de información (Anexo VI)