Publicación da orde de convocatoria dos premios Xuventude Crea 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca anualmente o programa Xuventude Crea, un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación.
Xuventude Crea pretende actuar como estímulo económico para a mocidade, pero ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer estes novos talentos e as súas obras nun amplo abano de especialidades artísticas, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable.
O programa Xuventude Crea é un programa moi consolidado e reputado no eido cultural e artístico galego no que xa participaron preto de 5363 mozos e mozas, con 3.988 obras e proxectos creativos e no que se repartiron 633 premios por importe total de 966.050 euros e 86 mencións de honra.
Coa nova convocatoria deste ano 2025, o programa cumpre 16 anos e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quere fortalecer o éxito do programa introducindo importantes novidades coas que, ademais, pretende reforzar a transversalidade das políticas públicas en materia de xuventude e a coordinación entres os distintos departamentos da Xunta de Galicia, en concreto coa Secretaría Xeral de Emigración, coa Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).




Comments