I concurso de TFG e TFM do Campus de Lugo
A USC lanza a primeira edición do concurso de Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Mestrado (TFM) presentados nas titulacións do Campus de Lugo. Este certame ten como obxectivo premiar a calidade e a innovación de proxectos académicos aplicables ás instalacións deportivas municipais, tanto na súa mellora como na proposta de novas infraestruturas.
A convocatoria que xorde co apoio do Concello de Lugo mantén aberto o prazo de recepción de solicitudes do 1 ao 31 de outubro.
Tanto para TFG como para TFM, establécense tres premios de 3.000, 2.500 e 2.000 euros, alén do correspondente diploma acreditativo.
O xurado estará composto polo alcalde do Concello de Lugo, o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, un decano/a ou director/a de centro do Campus de Lugo, o concelleiro de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo e o adxunto á Vicererreitoría de Organización Académica e Campus de Lugo, que actuará como secretario.
O xurado cualificador valorará que os traballos estean ben definidos, especificándose claramente o obxectivo, condicionantes a considerar na fase de deseño, sintetizando claramente as solucións adoptadas, os métodos de cálculo utilizados e os resultados finais obtidos (4 puntos); a viabilidade da súa aplicación nas instalacións deportivas presentes ou futuras do Concello de Lugo (3 puntos); a innovación, orixinalidade e progreso tecnolóxico (2 puntos); así como a viabilidade económica (1 punto).
O ditame do xurado e a entrega de premios darase a coñecer no acto público que para tal ocasión terá lugar o 28 de novembro ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello de Lugo, e que é de asistencia obrigatoria para as persoas participantes.
Máis información:
www.usc.gal




Comments