Terra Creative Jam
O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela convértese nos días 18 e 19 de outubro de 2025 no epicentro, un ano máis, dunha iniciativa pioneira: o Terra Creative Jam – Conecta o Rural. Este evento creativo e de innovación ten como propósito fomentar a implicación da comunidade universitaria e mocidade coas zonas rurais, aproveitando ideas innovadoras que poidan contribuír ao seu desenvolvemento sustentable.
A inscrición permanece aberta ata as 14.00 horas do 17 de outubro a través do web do certame.
O evento, que terá lugar na Facultade de Administración de Empresas do Campus Terra de Lugo, ten como obxectivos estimular ideas e iniciativas que favorezan a vitalidade dos territorios rurais; unir a mocidade e ás comunidades rurais, promovendo o intercambio de visións e proxectos; facilitar redes de colaboración entre institucións universitarias, administracións locais e actores do tecido empresarial e social; e dar visibilidade ao potencial do rural como escenario de innovación, emerxencia profesional e compromiso con valores ambientais e sociais.
As propostas gañadoras terán a oportunidade de recibir apoio institucional, visibilidade e canles de identificación con posible financiación ou incubación en programas de emprendemento da USC.
Ademais, os equipos gañadores, recibirán premios para os seus proxectos. Esta actividade é totalmente gratuíta. Facilitaráselles ás persoas asistentes, desprazamento, aloxamento e mantenza durante os dous días que dura a Terra Creative Jam. Tamén recibirán un diploma acreditativo. Con Terra Creative Jam, a USC reforza o seu compromiso coa rexeneración do rural galego e coa potenciación da innovación social a través da mocidade.
Máis información:
982 82 28 54
campus.terra@usc.es
https://terracreativejam.com/




Comments