Ir o contido principal
ranchos

Redondela publica as bases dos premios para as Rondallas e Ranchos de Reis da Festividade de 2026

O Concello de Redondela vén de anunciar a convocatoria dos premios destinados ás Rondallas e Ranchos de Reis que participarán nos actos organizados con motivo da tradicional Festa de Reis 2026, unha celebración moi arraigada no municipio e que cada ano reúne centos de participantes.

A convocatoria, publicada no BOP, establece un orzamento total de 3.000 euros, que se distribuirá cun premio fixo de 500 euros por agrupación, ata esgotar o crédito dispoñible. No caso de que o número de inscricións supere o presuposto, a contía repartirase de forma proporcional entre todas as rondallas participantes.

Tres categorías de participación

Poderán optar aos premios as agrupacións que se inscriban nalgunha das seguintes modalidades:

  • Rondallas ou Ranchos de Reis de adultos, formadas por máis de 5 persoas maiores de 16 anos.

  • Rondallas ou Ranchos de Reis mixtas, cun mínimo de 20 participantes entre alumnado, pais/nais e profesorado.

  • Rondallas ou Ranchos de Reis infantís, integradas por máis de 8 menores de 16 anos.

As agrupacións deberán manter unha unidade temática no vestiario e na actuación, e non poderán repetir o tema principal doutras edicións.

Inscricións ata o 26 de decembro de 2025

A solicitude deberá presentarse no Rexistro de Entrada do Concello de Redondela ou polas vías previstas na Lei 39/2015. No caso das persoas xurídicas, a tramitación farase exclusivamente de maneira electrónica a través da sede municipal.

As rondallas deberán achegar información sobre a composición do grupo, documentación identificativa, certificado de titularidade bancaria e o listado dos cinco temas mínimos que interpretarán no desfile.

Desenvolvemento do desfile e xurado

Para optar aos premios, cada agrupación deberá actuar polo menos unha vez diante do Concello e interpretar un mínimo de cinco pezas. O percorrido oficial discorrerá polas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín.

O xurado estará presidido por María Rita Pérez Táboas e integrado por Iria Vilaboa Álvarez, Vicente Lamas Guisande e Pedro Villaverde Campos, actuando como secretario Alberto Álvarez Pérez.

A resolución final e o pagamento dos premios rexeranse pola normativa fiscal vixente e pola ordenanza xeral de subvencións do Concello.

Comments