Ir o contido principal
ENTROIDO

Redondela convoca os premios do Entroido 2026

O Concello de Redondela vén de publicar as bases reguladoras dos Premios do Entroido 2026, unha convocatoria que repartirá un total de 10.500 euros entre comparsas, grupos, parellas e participantes individuais que formen parte dos actos oficiais desta celebración tradicional.

A convocatoria contempla axudas económicas segundo o número de compoñentes das comparsas participantes, así como premios xerais e categorías especiais que poñen en valor a creatividade, a mocidade, a retranca e a inclusión á diversidade. As comparsas poderán recibir entre 300 e 500 euros en función do seu tamaño, ademais de optar aos premios xerais de 900, 600 e 300 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente.

Entre os recoñecementos especiais destacan o Premio Mocidade, o Premio Retranca e o Premio Inclusión á Diversidade, dotados con 500 euros cada un. Ademais, establécense premios específicos para grupos, parellas e participantes individuais, co obxectivo de fomentar a participación de todas as idades e formatos.

Para optar aos premios será imprescindible participar no desfile oficial do Entroido, que terá lugar o domingo 15 de febreiro de 2026, con concentración no Campo da Feira ás 17:00 horas e inicio do desfile ás 18:00 horas. Pola súa banda, o concurso de grupos, parellas e individuais celebrarase o martes 17 de febreiro, a partir das 17:00 horas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 4 de febreiro, contado desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP. As persoas xurídicas deberán realizar a tramitación exclusivamente por vía electrónica a través da sede electrónica do Concello de Redondela.

As bases completas da convocatoria poden consultarse no Taboleiro Electrónico de Anuncios, na web municipal e no Boletín Oficial da Provincia.

Comments