Ir o contido principal
Bono emancípate

Publicada a convocatoria de axudas de apoio á emancipación da mocidade Bono emancípate

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, convoca as axudas de apoio á emancipación da mocidade Bono emancípate para o ano 2026. Trátase dunha axuda económica dirixida as persoas mozas traballadoras que adquiran ou aluguen unha vivenda, que ten como finalidade contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da dos/das seus/súas proxenitores/as, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugueiro, como son os derivados da adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño ou téxtil de fogar.

Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan unha serie de requisitos, que se indican no artigo 5, como son ter menos de 36 anos de idade; dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude; non superar os limiares de ingresos que establece a orde; ser titular na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda que teña unha duración mínima dun ano, ou ter  subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda, con posterioridade ao 30 de abril de 2025, entre outros.

A axuda farase efectiva a través dunha tarxeta virtual, a cal só poderá ser utilizada en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os gastos incluídos no artigo 7 da orde. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.

A contía total da axuda é de 1.500 € para as persoas mozas que, reunindo os requisitos establecidos nestas bases, soliciten a axuda na súa condición de arrendatarias dunha vivenda diferente da dos/das seus/súas proxenitores/as, e de 3.000 € para as que teñan adquirido unha vivenda en propiedade, con posterioridade ao 30 de abril de 2025 e en todo caso antes da data de remate do prazo de solicitudes.

Máis información aquí

Comments