Ir o contido principal
Cursos de idiomas

Cursos de idiomas durante o verán para estudantes universitarios/as

A Xunta de Galicia convoca axudas económicas a estudantes das universidades de Galicia, para estadías noutros países co obxecto de coñecer a súa lingua durante o verán de 2025.

Datas: os cursos terán que realizarse entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2025, ambos incluídos.
A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será de 1.200 € para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500 para estadías no resto do mundo.

Requisitos:
- Estar matriculado no curso 2024/25, como mínimo en 50 créditos, excluídos os recoñecidos, validados ou adaptados, en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, e ter superado 60 créditos en 30 de setembro de 2024, excluídos tamén os recoñecidos, validados ou adaptados.
- O curso de idiomas debe ser presencial, ter unha duración mínima de tres semanas, excluíndo as datas da viaxe, e un mínimo de 45 horas lectivas. O idioma que se desexe cursar deberá ser distinto do castelán e deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o pograma do curso de idiomas para o que se solicita a axuda, en que deberán figurar o centro e lugar de destino, as horas lectivas e as datas de realización, excluíndo as datas da viaxe.

Unha vez realizado o curso as persoas ás que se lles concedan a axuda deberán presentar a seguinte documentación:
- Certificado de asistencia ao curso para o que lles foi concedida a axuda. O certificado deberá especificar o lugar onde se realizou, centro, número de horas lectivas, datas de realización e duración do curso (mínimo tres semanas, excluíndo as datas da viaxe). No caso de estar en lingua estranxeira, deberá traducirse para algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma.
- Documentación acreditativa do custo do curso, dos gastos derivados do desprazamento de ida e volta do país de orixe ao país de destino e dos gastos de residencia.
Se o importe total da xustificación é inferior ao importe concedido, só se aboará o importe xustificado.
A dita documentación poderase presentar desde a finalización do curso ata o día 12 de setembro de 2025. De non presentala nese prazo, entenderase que renuncian á axuda.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 3 de marzo de 2025.
As solicitudes realizaranse a través de https://sede.xunta.es co procedemento ED416A
Máis información no DOG do 3 de febreiro de 2025 e en orientacion.sug@edu.xunta.es

Comments