
ORIXES. Unha viaxe virtual a onde todo comezou
ORIXES. Unha viaxe virtual a onde todo comezou
Orixes recrea unha natureza salvaxe onde volven á vida seres hoxe desaparecidos, pero tamén descubrimos outros que habitan a Terra desde hai millóns de anos, desde moito antes de que o ser humano pisara o noso planeta.
A experiencia sensorial inmersiva Orixes atravesa catro mil millóns de anos de evolución do noso planeta: desde unha inhabitable bóla incandescente, ata a extinción do temible tiranosauro-rex, pasando pola explosión da vida nos océanos ou a aparición dos primeiros grandes bosques na superficie terrestre.
Da man da tecnoloxía de realidade mixta, que combina nunha única capa o mundo físico e o virtual, emprendemos unha viaxe cósmica para camiñar a través do tempo.
As persoas visitantes atravesan o Museo Centro Gaiás equipados cunhas lentes que lles permiten ver o latexar da vida no interior das especies que xorden, interactúan cos visitantes e evolucionan a través dos milenios.
Toda unha travesía sensorial que amplifica a nosa percepción da natureza e nos amosa a vida que permanece oculta aos nosos ollos e nos lanza unha poderosa pregunta: será o ser humano o detonante dunha nova extinción masiva no noso planeta?
Para mercar as entradas para Orixes: no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla, a un prezo de 5 euros (+gastos de xestión, descontos aplicables).
A experiencia é accesible a partir dos 8 anos de idade, e as nenas e nenos menores de 12 deben realizala co acompañamento e vixilancia dunha persoa adulta responsable que deberá adquirir tamén unha entrada.
A instalación está aberta do 28 de febreiro ao 26 de outubro de 2025, de martes a domingo e pode visitarse en horario de mañá (entre as 10:15 e as 14:15 h), e de tarde (entre as 15:30 e as 19:30 h), cunha duración aproximada de 45 minutos cada unha das sesións, na que participan ata 12 persoas de maneira simultánea.
Máis información:
www.cidadedacultura.gal
Comments