O Concello de Gondomar abre unha bolsa de traballo para profesorado de violín no Conservatorio Municipal
O Concello de Gondomar convoca un proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo destinada á contratación temporal de profesorado de violín para o Conservatorio Municipal de Música.
A bolsa elaborarase mediante o sistema de concurso-oposición e terá unha vixencia máxima de tres anos, salvo que se convoque un novo proceso selectivo para este posto antes dese prazo.
As persoas aspirantes deberán estar en posesión da titulación oficial correspondente na especialidade de violín, acreditar o coñecemento da lingua galega mediante o Celga 4 ou equivalente e cumprir os requisitos xerais de acceso ao emprego público.
O proceso selectivo constará de dúas fases. Na fase de oposición realizaranse unha proba de interpretación musical e unha proba docente práctica, ás que se sumará unha proba de coñecemento da lingua galega para aquelas persoas que non acrediten a súa exención. Pola súa parte, na fase de concurso valoraranse a experiencia profesional e a formación complementaria relacionada co posto.
O posto está adscrito ao Departamento de Educación do Concello de Gondomar e contempla unha xornada de 22,75 horas semanais durante o curso escolar, entre o 1 de setembro e o 30 de xuño.
As solicitudes deberán presentarse preferentemente a través da sede electrónica municipal. O prazo de presentación será de dez días hábiles contados desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
As persoas seleccionadas pasarán a formar parte dunha bolsa que permitirá cubrir futuras necesidades temporais de profesorado de violín no Conservatorio Municipal de Gondomar.
Máis información: sede electrónica do Concello de Gondomar.




Comments