Ir o contido principal
FUNFUNFUN

Oitava edición do FunFunFun - Feira de Autoedición

A oitava edición do FunFunFun, reunirá este sábado 6 á escena da autoedición galega e portuguesa nun espazo de lecer e celebración, mais tamén nun encontro creativo e de promoción, divulgación e intercambio de experiencias arredor dos fanzines e outras expresións artísticas autoxestionadas como proxectos audiovisuais, musicais, videoxogos etc. Ao longo das súas edicións o festival consolidouse como cita obrigada no calendario cultural galego.

A xornada ofrecerá unha programación completa e totalmente gratuíta organizada arredor da feira de autoedición con actividades participativas, encontros, faladoiros e un gran concerto de peche. O evento conta co patrocinio das Concellarías de Mocidade e Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela e da Asociación Puntogal.

Programación:

  • 11:00 a 22:00 — Feira de Autoedición: Un punto de encontro para proxectos de edición alternativa, fanzines, ilustración e publicacións autoeditadas procedentes de Galiza, Portugal, Euzkadi e Catalunya.

  • 12:00 a 13:00 — Rol-lab: Do maxín á mesa de xogos. Xulián Pintos fará a presentación do xogo “Combate de dados” é guiará unha sesión práctica.

  • 12:30 a 13:15 — Concerto sorpresa (prazas limitadas).

  • 13:30 a 15:30 — Sesión Vermú: Saibran DJ Set.

  • 16:30 a 17:30 — Faladoiro: Asociacionismo na Galiza e Portugal: Un encontro para reflexionar sobre a importancia do asocianismo e do traballo colectivo. Participan Laura Romero da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) e Júlio Dolbeth do MIEI (Faculdade de Belas Artes da Universidade de Porto).

  • 18:00 a 19:00 — Faladoiro con José Feitor (Lisboa): Coñeceremos o traballo e a filosofía do Estúdio Trovoada, un referente da ilustración e a edición independente portuguesa con máis de dúas décadas de traxectoria e con proxección internacional.

  • 19:30 a 21:00 — Combate de Debuxantes: Presentado por Leandro Barea e Alberto Guitán é un clásico na programación do festival. Papel, rotuladores e moito maxín nunha lúdica batalla de debuxo, amábel e sempre sorprendente.

  • 21:30 FinFanFun — Concerto de Faul. A xornada péchase cun gran concerto que poñerá o ramo nun peche musical perfecto a un día cheo de creación e autoedición.

Todas as actividades da feira e os obradoiros son de balde e abertas ao público.

Para máis información:

funfunfun@funfunfun.gal

Comments