
Comando dramatúrxico. Escenas do cambio 2025
O Comando Dramatúrxico de Escenas do Cambio buscan a 6 persoas que queiran participar nun laboratorio/escola, que vai consistir en aprender (analizar), prender (motivar, contaxiar, amplificar) e emprender (propoñer, facer, actuar), compartindo unha experiencia intensa con todas as artistas que van presentar os seus espectáculos e actividades en Escenas do Cambio 2025.
O Comando Dramatúrxico está enfocado como un laboratorio/escola de dramaturxismo, que estará dirixido polo dramaturgo, director de escena, profesor e escritor Afonso Becerra.
Nesta ocasión vai estar acompañado por dúas ou tres persoas, provenientes doutros lugares, que se dedican á creación, á investigación e á curadoría e que, ademais, dirixen outros festivais.
Condicións e requisitos para participar:
- Ser maior de idade.
- Ter algúns coñecementos/experiencia en artes escénicas pero sobre todo que che guste escoitar, ver, reflexionar, facer, actuar e colaborar en equipos multidisciplinares e diversos.
- Ter dispoñibilidade para estar en Santiago de Compostela entre o xoves 8 e o domingo 11 de maio e intención de asistir aos espectáculos e actividades programadas en Escenas do Cambio 2025.
- Dispoñer dalgún tempo libre nas semanas anteriores ao festival, para manter unhas poucas reuniónes en liña coa finalidade de empezar a coñecerse e a planificar un bosquexo do que apetece facer, do que se pode facer e de como se pode facer.
- Enviar un CV breve (unha páxina de extensión máxima) e unha carta breve de motivación, na que se faga constar explicitamente o compromiso de asistir a todos os espectáculos e actividades de Escenas do Cambio, así como a dispoñibilidade de participar nas reunións previas ao festival, ao enderezo escenasdocambio@xunta.gal, antes do 3 de marzo ás 23:59 h.
Sendo parte do Comando Dramatúrxico terás:
- Acceso gratuíto a todos os espectáculos e actividades do festival Escenas do cambio 2025.
- Relación cos equipos artísticos.
- A experiencia de aprender formando grupo con artistas e persoas dedicadas á creació e á investigación, que ademais, dirixen outros festivais en diferentes contextos internacionais e que van estar dentro do Comando Dramatúrxico.
- A experiencia de participar nun laboratorio/escola para a creación dunha dramaturxia do festival, a través da conexión cos equipos artísticos que van presentar espectáculos e actividades, a través da análise e incluso da realización de propostas heteroxéneas que amplifiquen o que aconteza no festival. -As persoas do Comando van ver os espectáculos e participar nas actividades, pero van facelo desde o coñecemento e a complicidade cos equipos artísticos, colaborando dramaturxicamente (a través de accións moi diversas, que dependen da escoita, da sensibilidade, das preferencias e das capacidades para aprender, prender e emprender).
O Comando Dramatúrxico é un espazo dinámico colaborativo e procesual.
Serán as propias persoas do Comando, xunto ás artistas investigadoras, ao coordinador e á mesma directora do festival, os que irán trazando o que queren facer, o que poden facer e como o poden facer.
Unha certificación expedida pola organización correspondente á túa participación.
Máis información: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/comando-dramaturxico-escenas-do-cambio-2025
Comments