O Concello de Burela convoca unha praza temporal de socorrista para reforzar o servizo durante o verán
O Concello de Burela convocou un novo proceso selectivo para cubrir unha praza de socorrista como persoal funcionario interino ao abeiro do programa Reforzo do Emprego, incluído no Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026.
A contratación terá unha duración de tres meses, a xornada completa, e o proceso selectivo realizarase mediante o sistema de concurso-oposición.
As persoas aspirantes deberán cumprir, entre outros requisitos, estar inscritas no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo de Galicia na sección de espazos acuáticos naturais, contar coa titulación mínima de ESO ou equivalente e atoparse en situación de desemprego ou mellora de emprego.
O prazo para presentar as solicitudes será de sete días naturais contados desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Burela, na sede electrónica ou por calquera dos medios previstos na Lei 39/2015.
As bases completas da convocatoria e toda a información relativa ao proceso selectivo están dispoñibles na sede electrónica do Concello de Burela.




Comments