
Concurso de deseño Xuventude en E-Maxes
A Deputación de Pontevedra convoca o concurso de deseño Xuventude en E-Maxes, mediante o cal se elixirán as imaxes que representarán a nova sección web de Xuventude da Deputación de Pontevedra.
Os deseños seleccionados ilustrarán as dúas seccións principais desta nova ferramenta dixital: o Espazo Deputación e o Espazo Concellos.
O concurso divídese en dúas categorías:
- Portadas do Espazo Deputación e Espazo Concellos: na que se elixirán dúas imaxes, unha portada para cada un dos espazos.
Poderán participar nesta categoría as mozas e mozos de entre os 15 e os 35 anos empadroadas nun concello da provincia de Pontevedra. Cada persoa poderá participar cun único deseño por sección.
- Recursos dos concellos: na que se escollerán as 61 imaxes que representarán cadanseu municipio.
Poderán participar os centros públicos de educación primaria e secundaria con sede nalgún concello da provincia de Pontevedra. Cada centro poderá participar con tantos deseños como aulas teña, pero cada aula poderá presentar unicamente un deseño.
Premios:
Primeira categoría: portadas
- Premio Espazo Deputación: 300 €
- Premio Espazo Concellos: 300 €
Segunda categoría: recursos dos concellos. De entre todas as propostas presentadas polas aulas de cada centro educativo, o xurado seleccionará un único deseño gañador por concello. Este deseño converterase na imaxe representativa do seu municipio no novo Espazo Concellos.
As 61 imaxes gañadoras exporanse ao público como unha actividade complementaria do II Encontro Literario e Artístico “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”, que terá lugar no último cuadrimestre de 2025.
Ademais, de entre todas as imaxes gañadoras o xurado elixirá os tres mellores deseños da provincia, que recibirán os seguintes premios:
- 1º premio: 650 €
- 2º premio: 450 €
- 3º premio: 300 €
Os centros gañadores destinarán o premio a realizar unha saída educativa e a comprar material didáctico, libros ou a outras finalidades de natureza similar.
Descrición dos proxectos. Estes consistirán en crear unha imaxe representativa da xuventude, na que se poderán incorporar elementos culturais, naturais ou arquitectónicos.
Primeira categoría. Portadas
- Portada do Espazo Deputación. A imaxe debe representar a xuventude da provincia de Pontevedra no seu conxunto, e reflectir valores coma a diversidade, a creatividade, o asociacionismo e o espírito participativo da mocidade.
- Portada do Espazo Concellos. A imaxe debe representar a xuventude dos 61 concellos da provincia, e amosar a pluralidade e a diversidade locais. Poderán incorporarse elementos distintivos do ámbito rural e do urbano, da costa e do interior, así como símbolos culturais ou naturais que resalten a singularidade dos concellos no contexto provincial.
Segunda categoría. Recursos dos concellos
- Os proxectos consistirán nunha imaxe representativa da xuventude do concello ao que pertence o centro educativo, incorporando elementos ou motivos identificativos da comunidade e da contorna local.
Características dos deseños:
- O deseño deberá ser exclusivamente unha imaxe, sen incluír texto ou letras.
- Os proxectos deberán ser orixinais; entenderase por traballo ou proxecto orixinal aquel que non fose copiado, reproducido nin imitado, en todo ou en parte, doutro anterior.
- Os deseños deberán presentarse en tamaño A4 horizontal (21 x 29,7 cm), cunha resolución de 300 ppp e en formato JPG ou TIFF.
As solicitudes presetaranse preferiblemente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal)
O prazo para a presentación de solicitudes será do 1 de abril ao 30 de maio de 2025.
Máis información no BOP de Pontevedra do 24 de marzo de 2025 e en https://www.depo.gal/web/edepo/xuventude
Comments