Ir o contido principal
Lingua de namorar

Mensaxes gañadoras do Concurso Lingua de Namorar 2025

As mensaxes gañadoras do concurso en liña de mensaxes de amor en galego dirixido á mocidade, convocado pola consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua e da Dirección Xeral de Xuventude, #LinguaDeNamorar, son:

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA A DE LINGUA DE NAMORAR 2025

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría A
Candela Fernández Rajoy (Vigo, Pontevedra)

En ti

Sinto en ti
a ría suspirar
e o vento sacudirse.
Sinto en ti
as cores da paz,
a beleza da guerra.
Toco a túa pel
como as cordas dunha guitarra
que me levan ao edén.
Oxalá bicarte outra vez,
acariñar as túas páxinas,
enredarme no teu ser.

Por deliberación do xurado, o 2o e o 3o premio de Lingua de Namorar 2025 quedan desertos.

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA B DE LINGUA DE NAMORAR 2025

Mensaxe gañadora do 1o premio da categoría B
Saray Rodríguez Pérez (Ourense)

Ignis Amoris

O desexo non reside no ventre,
nin nas mans que rozan o arroubo.

É a individualidade,
son os dentes que dormen un só corpo,
os orgasmos que só comparten
unha boca.

É o reloxo detido na fantasía do sexo virxinal,
son os versos que percorren as pernas.
Son as rosas que rompen os ósos.

Mensaxe gañadora do 2o premio da categoría B
Pablo Pardavila Romero (A Pobra do Caramiñal, A Coruña)

Non hai máis pan na mesa

Nas túas mans ledas a fariña mergúllase como o fai nas fendas da codia do pan.
O preludio: queixo levantado, ollos bulideiros, mesa baleira.
Non hai maior xesto de amor que partillar a broa cando non hai máis pan na mesa.

Mensaxe gañadora do 3o premio da categoría B
Sofía Muñiz Somoza (Cambados, Pontevedra)

Estado de transición

Os instantes dispersos
afírmanse na súa autonomía
e as nosas miradas metálicas
crúzanse
nunha leve transición
...
case imperceptible.

MENSAXE GAÑADORA DA CATEGORÍA C (IG) DE LINGUA DE NAMORAR 2025

Jennifer Santabaya (Buxantes, Dumbría, A Coruña)
@jeennybxts93

#ti

Gústasme como quen atopa unha palabra nova: con curiosidade, coidado e ganas de repetila mil veces
ata que quede para sempre.

Comments