Ir o contido principal
 

Chamamos emocións aos cambios de estado de ánimo que son súbitos e de curta duración. Algo que ocorre no noso arredor ou dentro de nós, produce ese cambio... fainos sentir ledas, ou tristes, pódenos producir medo, etc. Todo iso son emocións, poden durar máis ou menos tempo e ser máis ou menos intensas. En calquera caso, non teñen por que nos vincular con outra persoa. Por exemplo, cando alguén está ledo, ou triste, non quere dicir que sinta ledicia ou tristura cara a outra persoa, simplemente está leda ou triste. Pola súa vez, o estado de ánimo caracterízase polas emocións que se senten con maior frecuencia... e así falamos ás veces de xente leda, triste, etc.

A capacidade para sentir emocións vaise desenvolvendo pouco a pouco. Así, como unha persoa nace (hai quen di que mesmo antes de nacer), só é quen de sentir pracer ou, pola contra, dispracer ou dor... que quere dicir isto?, pois que todas aquelas cousas que lle pasan e que son agradables prodúcenlle unha sensación de satisfacción que expresa a través do sorriso, do relaxamento da expresión, etc. Nunca vistedes a cara dun bebé, cando está no berce, facendo pucheiros, e o collen no colo?, ou cando remata de comer, ou mesmo mentres come?, ou cando fixo pis e o cambian? Pola contra, todas as cousas que lle resultan "desagradábeis", como as ganas de que o agarimen, a fame, a incomodidade de estar mollado, ou a dor de barriga, prodúcenlle dispracer e a expresión da súa cara cambia... tensiónase, fai pucheiros e chora. Todo isto volve a cambiar cando as súas necesidades quedan satisfeitas.

A medida en que a nena e o neno van medrando e desenvolvendo a súa capacidade para pensar, vai sendo quen de "saber" o que sente con máis precisión. Así, chega un momento no que distingue a diferenza entre unha chea de emocións.

Unha das principais características das emocións é que son subxectivas. Isto quere dicir que son propias do suxeito que as sente, persoais, o que significa que cada quen ten a súa maneira de as sentir e non ten que coincidir nisto con outras persoas. Noutras palabras, un mesmo estímulo pode producir emocións diferentes segundo en quen e, pola súa vez, cada unha e cada un pode vivir as emocións de distinta maneira e con distinta forza. Por exemplo, aquilo que a unha persoa lle gusta ou lle produce ledicia, pódelle producir a outra desgusto ou mesmo enfado...