Ir o contido principal
 

Pensábase que a SIDA non podía ser causada por unha bacteria, un fungo ou un protozoo, porque todos estes microorganismos teñen un tamaño o suficientemente grande como para quedaren retidos polos filtros a través dos que se pasa o sangue que se utiliza para preparar o tratamento da hemofilia e, polo tanto, se isto fose así, non habería hemofílicos afectados por causa do seu tratamento…

Así que só quedaba unha posibilidade: o axente responsable tiña que ser moito máis pequeno… parecía que só podía ser un virus… e naquel momento xa se coñecían moitas cousas sobre determinados tipos de virus, concretamente sobre retrovirus… Así, sabíase da existencia dun encima decisivo para que puideran actuar: a transcriptasa inversa, descubrimento polo que os profesores Temin e Baltimore recibiran o Premio Nobel. Ademais, no ano 1980, o doutor Robert Gallo lograra identificar e ver o primeiro retrovirus que produce enfermidades nas persoas (o HTLV-1, relacionado co desenvolvemento dun tipo de leucemia). Todo isto facilitou a investigación, xa que permitiu desenvolver moitas das técnicas que farían posible o descubrimento do VIH pouco máis adiante.

As primeiras fotografías do VIH, foron tomadas da imaxe observada nun microscopio electrónico no Instituto Pasteur de París, no ano 1983. Neste laboratorio, o equipo de investigación que dirixía o profesor Luc Montagnier lograra observar a presenza do virus nunhas mostras de tecido procedentes dun mozo homosexual que tiña unha inflamación crónica dos seus ganglios linfáticos. Algúns meses máis tarde, Luc Montagnier e dous dos seus colegas, os doctores Francoise Barré-Sinoussi e Jean Claude Cherman, publicaron unha descrición do VIH.

Case ao tempo, o equipo dirixido por Robert Gallo, do Instituto Nacional de Cancro, dos Institutos Nacionais de Saúde de Bethesda, nos Estados Unidos de América, emite tamén un informe sobre o VIH, atribuíndose o seu descubrimento… e todo isto dá comezo a unha gran polémica a nivel internacional pola autoría do asunto, que se resolve máis adiante coa sinatura dun documento, sen precendentes na historia da Ciencia, na Casa Branca, co presidente dos Estados Unidos e o primeiro ministro de Francia, no que se fai unha relación precisa e cronoloxicamente ordenada sobre os descubrimentos atribuídos a cada un dos equipos.

No ano 1984, recoñécese que o virus illado polo grupo do Instituto Pasteur era realmente o axente causal da SIDA e queda definitivamente establecido o seu nome como VIH.