Ir o contido principal
 

Os virus son os microorganismos máis pequenos que se coñecen. Están formados por unha cadea de ácido nucleico (ARN ou ADN), habitualmente envolta nunha cápsula. Polo tanto, só posúen información xenética, e diferéncianse doutros microorganismos máis completos (bacterias, fungos e por suposto células), porque non teñen organelas e, polo tanto, non son quen de realizar as funcións vitais. Por si sós, nin sequera serían quen de reproducirse. Agora ben, a acción fundamental dos virus consiste en invadir as células doutros seres vivos.

Unha vez dentro delas, suplantan o ADN celular e, a partir deste momento, a célula cambia a súa actividade habitual pola que lle "indica" o ADN viral, e mesmo reproducen este, dando lugar a novos virus, que saen da célula para infectar outras, e así se propaga a infección por un organismo pluricelular.

Para se poderen introducir nas células, posúen diversas substancias: algunhas delas, serven para se introduciren nas células, atravesando a súa membrana, outras para poder suplantar o ADN celular, outras para se multiplicar con facilidade, abandoar a célula para se dirixir a outras, etc.

Concretamente o VIH é un retrovirus, é dicir, un virus que ten un xenoma formado por ARN (en lugar de por ADN). Para que infecte a unha persoa é imprecindible que entre no torrente circulatorio sanguíneo, o cal adoita suceder cando hai unha ferida ou rozadura pequena na pel ou nas mucosas, ou cando se inocula por unha inxección cun istrumento contaminado. Unha vez incorporado ao torrente, circula co sangue e, polo tanto, chega a todas as partes do corpo. Pero, conforme comentábamos antes, para poder actuar precisa de se introducir nalgunhas das nosas células e faino naquelas polas que ten afinidade. Concretamente nas que posúen unhas proteínas na membrana, coas cales reacciona e fai un orificio polo que pode entrar no seu interior. A afinidade do VIH é por algúns tipos de leucocitos (glóbulos brancos do sangue), fundamentalmente polos linfocitos CD4, aínda que tamén pode parasitar outras da mesma familia ou doutros tipos, como as neuronas.

Unha vez no interior da célula, desfaise da súa cápsula, introdúcese no núcleo e "transforma" o filamento de ARN nun de ADN. Despois duplica este e así xa pode suplantar o material xenético da célula. A partir de aquí, ocorren dúas cousas moi importantes: por un lado, a célula afectada comeza a facer "o que lle manda o virus", en lugar das súas funcións habituais; en segundo lugar, comeza a formar novos virus, que saen ao exterior e infectan novas células.