Ir o contido principal
 

Desde o momento en que o VIH penetra no organismo, comézase a multiplicar de forma continua e intensa. O sistema inmunitario ten que responder a esta tremenda invasión, o que provoca co tempo o seu esgotamento. Iso, xunto coa destrución progresiva de parte das súas células, causa a aparición de infeccións e tumores que conducen á aparición da enfermidade que se coñece como SIDA.

Na evolución da infección pódense distinguir tres fases:

  • A fase inicial ou infección aguda, acontece nas semanas seguintes ao contacto co VIH. A persoa infectada pode presentar síntomas ou non. Se os presenta, adoitan ser leves, inespecíficos e pasaxeiros (febre, gorxa irritada, erupción cutánea …). Durante esta fase, non é posible detectar a presenza de anticorpos específicos fronte ao VIH, a pesar de que a cantidade de virus que circulan polo organismo é moi elevada.
  • A fase crónica ou período asintomático, seguinte á fase inicial, pode durar varios anos. Durante esta fase non hai síntomas, pero o virus continúa multiplicándose e vai diminuíndo progresivamente o número de linfocitos CD4.
  • A fase final, coñecida como SIDA propiamente dita, caracterízase pola aparición de enfermidades infecciosas graves, alteración do estado xeral da persoa, algúns tipos de cancro e alteracións neurolóxicas.