Ir o contido principal
 

Os condutos exteriores do testículo son o conduto deferente e a uretra.

Conduto deferente:

É unha canle longa e estreita, que sae da cola do epidídimo e diríxese cara arriba.

Unha vez fóra do escroto, introdúcese no oco da éngoa para ir cara atrás e cara a dentro, entrando no abdome, no que fai unha especie de reviravolta (bucle).

Á altura da parte de atrás da vexiga e da próstata remata, ao se xuntar co conduto da vesícula seminal, formando ambos os dous xuntos o conduto exaculador que, pola súa vez, desemboca na uretra.

Este conduto, ao seu paso pola éngoa, vai moi superficial, practicamente por debaixo da pel, o que permite a súa ligadura cirúrxica sen ningún problema (vasectomía), eliminando así, dun xeito permanente, o tránsito de espermatozoides cara á uretra.

A uretra:

Nos homes é un conduto común ao aparato xenital e ao urinario. Trátase dunha canle que sae da vexiga dos ouriños e distingue tres tramos diferentes no seu traxecto cara ao exterior:

  • Primeiro diríxese cara abaixo, introducíndose na próstata, á que atravesa, e dentro dela recibe a desembocadura dos condutos exaculadores (uretra prostática).
  • Sae da próstata pola parte de abaixo desta e sofre unha acobadadura para se dirixir cara adiante. Este tramo ten a súa parede máis grosa e dura (uretra membranosa).
  • Pouco despois, sofre outra acobadadura para se dirixir de novo cara abaixo e introducirse no pene, para rematar no orificio uretral, na punta do glande (uretra esponxosa).