Sobre todo se son recíprocos: é dicir, se ademais de querer nos sentimos queridas. Isto é moi importante para nós. Sentirnos queridas e valoradas polas demais persoas axúdanos a sentirnos felices, non? Pois isto débese a que, se nos queren e nolo fan sentir así, aprendemos a nos querer e a nos valorar e isto é unha das cousas qe máis inflúe no benestar e na felicidade.
Da mesma maneira que nos gusta saber que nos queren, tamén ás demais e aos demais lles gusta. Por iso é importante expresar os nosos sentimento pero, sobre todo, é importante expresar o que realmente sentimos porque, algunhas veces, sen saber moi ben por que motivo, dicímoslles cada cousa ás persoas que queremos! que máis ben dá a impresión de que non as podemos ver diante ou non nos gusta nada, aínda que nos guste moitísimo! Por que será? Algunhas veces pode ser "para que non pense que estamos á súa disposición", ou para que non "presuma por aí de que estamos moi colgadas ou colgados" pero, por que nos preocupa tanto que pense todo isto?, pensamos que nos pode despreciar ou facer mal?, sentímonos nas súas mans?, cremos que pode facer de nós o que queira?
Todas estas "contradiccións danse con máis frecuencia cando a persoa nos gusta, cando estamos namoradas ou namorados. Por iso algunhas veces non se pasa moi ben, sabemos que nos gustan pero non sabemos se lle gustamos, non? Claro que, á outra persoa pódelle suceder algo parecido, porque se nos andamos mandando esas mensaxes tan confusas, ninguén estará seguro dos sentimentos da outra ou do outro. E así, en lugar de estar sempre ben, podemos chegar a pasalo moi mal. As nosas emocións varían dende a euforia, a ledicia e o xúbilo, ata a confusión, o desencanto e o enfado ou o desgusto, todo depende da mensaxe que nos chegue e, por suposto, as emocións da outra persoa tamén fluctuarán en función do que lle fagamos chegar.
Hai xente que considera que todo isto está ben así, que lle dá gracia á cousa. Neste caso, adiante! Pero se nos gusta máis que sexa doutra maneira, tamén somos quen de conseguilo. Un bo "truco" é o de tentar poñerse no lugar do outro ou da outra. Se o facemos podemos atopar resposta para algunhas cousas. Por exemplo, por que nos di ou nos fai iso que nos molesta tanto e que non nos fai sentir queridas? Podemos obter unha resposta se pensamos, por exemplo, que sentimos nós cando dicimos ou facemos algo semellante?, que nos gustaría que nos respondense nesta situación, para sentirnos ben?
Xa sabedes, podedes cambiar todas estas cousas, é cuestión de decidirse a facelo!
