Ir o contido principal
 

A historia da enfermidade que hoxe coñecemos como SIDA iniciouse nos Estados Unidos de Norteamérica, a mediados do ano 1981. Neste ano, o CDC de Atlanta emite un informe no que se describe por primeira vez a enfermidade, ata aquel momento descoñecida.

Atlanta é a capital do Estado de Xeorxia, situado xusto ao norte da península de Florida (no mapa podes ver a situación da cidade do estado ao que pertence). Nesta cidade está un dos centros para o control e prevención de enfermidades, dos Estados Unidos (coñecidos polas iniciais CDC, que proceden do seu nome en inglés: Centers for Disease Control and Prevention). Estes centros son os responsábeis da vixiancia epidemiolóxica nos EUA, o que quere dicir que reciben información dos hospitais, centros de saúde, etc., sobre as enfermidades que se van producindo nos distintos lugares, investigan sobre elas e poñen en marcha as medidas oportunas para a súa prevención e curación.

Pois ben, no ano 1981, o CDC de Atlanta emitía un informe no que se ofrecían datos sobre unha enfermidade que era descoñecida ata aquel momento. As persoas nas que se producira eran homes adultos novos, de raza branca, con prácticas homosexuais e residentes en grandes cidades norteamericanas e presentaban un fallo adquirido no seu sistema inmunitario, debido ao cal padecían unha serie de infeccións moi difíciles de combater, e tamén unha serie de tumores moi raros…

Que quere dicir todo isto?… Pois, en primeiro lugar, que este fallo non é conxénito (non naceran con el nin con ningún problema que os levase a desenvolvelo posteriormente). En segundo lugar, que moitas das infeccións que padecían eran debidas a microorganismos coñecidos e correntes no seu medio, para os cales se dispoñía de tratamentos eficaces… sempre e cando se produciran en persoas que non tivesen este fallo. Por último, os tumores que presentaban estas persoas eran dos que se producían rarísimas veces… algúns deles case descoñecidos naquel momento.

Pouco despois deste primeiro informe do CDC, empezouse a producir a enfermidade en persoas de ambos os dous sexos, de diversas idades, moitas das cales non eran homosexuais e mesmo que non tiñan prácticas sexuais de ningún tipo. Este descubrimento inquedou os equipos de investigación, porque inicialmente confundía aínda máis sobre a orixe do proceso. Evidentemente, o seguinte paso a dar era descubrir o que tiñan en común todas estas persoas afectadas… e descubriuse: tratábase de homes e mulleres que, ou ben se inxectaban drogas, ou ben recibiran unha transfusión de sangue, ou ben eran hemofílicos.

Unha vez coñecidos estes primeiros informes, comezouse a comunicar a aparición de casos semellantes en África, Australia e Europa, e mesmo se informou que algúns médicos tiñan visto algunha persoa con este cadro varios anos antes (algún deles remontábase a 1959).

No ano 1982, a OMS (Organización Mundial da Saúde), xunto con toda a comunidade científica internacional, acorda denominar o cadro como SIDA (Síndrome de Inmuno Deficiencia Adquirida). Pero aínda había que cumprir un obxectivo esencial: descubrir a causa da enfermidade, para poder habilitar os medios necesarios para a súa curación e, por suposto, para a súa prevención…

As investigacións continuaron en moitos lugares de mundo. Estudáronse as características da enfermidade e recompiláronse gran cantidade de datos sobre as persoas afectadas. Como resultado de todo este traballo, apareceron os primeiros indicios: parecía que se trataba dun proceso infeccioso, que se transmitía polo sangue ou a través de prácticas sexuais.