Ir o contido principal
 

Ao igual que o amor, o odio é moi complexo e pode ter intensidade variable. Dentro deste grupo están sentimentos coma o rencor, o desprezo, os celos, a envexa, a rivalidade, a vengatividade, etc. Tamén, ao igual que no amor, pódense dar algúns deles ou todos e producirse con máis ou menos forza e tamén nos fan sentir emocións, neste caso do tipo da rabia, o enfado, a ira, o fastidio, a amargura, o desgusto, etc.

O odio non ten por que ser o único sentimento cara a unha persoa. Podemos sentir o que se chama un afecto ambivalente: queremos e odiamos á vez. Sentimos admiración e ao mesmo tempo medo, ou envexa. Sentimos agarimo e, ao mesmo tempo, celos. Sentimos que estamos namoradas ou namorados e, de vez en cando, é coma se lle tivésemos manía á persoa. Todo isto ocorre con frecuencia e podemos causar unha certa confusión e mesmo angustia. Se no voso caso é así, tamén hai algunha maneira de poderse tranquilizar. Podédesvos preguntar, por exemplo, por que o sinto?, non me sinto querida por esa persoa?, non me valora na mesma medida que eu a ela?, gustaríame que me fixese máis caso?, quero que me queira máis que a ninguén, ou mesmo a min soa? Segundo resposta que teña cada unha das preguntas, podedes tirar conclusións moi interesantes e, dende logo, se o pensades ben, estaredes nunha posición moito máis vantaxosa para mellorar o voso estado de ánimo porque, ás veces, o problema reside en que queremos "ser as únicas, ou os únicos" na vida de alguén e iso non é posible. Pero, sobre todo, non é necesario para sentirse queridas e ser felices, non credes.

Outras veces, o odio, ou calquera das súas modalidades, prodúcese como sentimento único ou predominante. Por exemplo, hai persoas que nos "caen mal" dende o principio, ou que eran moi amigas nosas e pasou algo que rompeu a amizade, ou que eran a nosa parella e rompemos a relación. Neste casos, adoitan producirse sentimentos de rexeitamenteo ou de desprezo, ou de vengatividade ou de rencor e, cando estamos na súa presenza ou alguén fala delas, aparecen emocións como a rabia, a cólera, a amargura ou a angustia que nos producen insatisfacción e mágoa, que facemos entón?, como nos gustaría sentirnos? Parece probábel que desexemos que isto cambie pero, en ocasións, é necesario que pase algún tempo para que poida ser así. Mentres tanto, podemos buscar o apoio doutras persoas amigas, desafogar a nosa rabia expresándoa, tentar de pescudar por que sentimos todo isto, etc.

Seguramente, naquelas ocasións nas que non é posible reparar a relación, podemos chegar a outra situación "intermedia", na que non sintamos amor nin odio, algo así como unha certa indiferenza, menos insatisfactoria e, dende logo, moito menos desagradable.