Skip to main content
IICETOBUEU25

II Certame de Pintura Otero Baena

O Concello de Bueu convoca o II Certame de Pintura “Otero Baena” para artistas noveis, co que se pretende contribuír a promover a creación artística ao tempo que se dá a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena.

O certame vai dirixido a todos/as aqueles/as artistas noveis, maiores de 18 anos, cuxa obra presentada terá que ser inédita e orixinal.

A temática será de libre elección e admitirase calquera técnica de pintura, cunha medida máxima do soporte de 1 m de ancho por 1 m de alto, podendo presentar os seus traballos as persoas de forma individual ou colectiva.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de maio, e constará de dúas fases:
-As persoas interesadas en participar poderán inscribirse antes do 30 de maio enviando por correo postal ao enderezo “Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti nº 18, 36930” un CD ou USB nun sobre que incluirá na cuberta “II Certame de Pintura Otero Baena do Concello de Bueu”, no que se incluirán os arquivos da obra que concorre ao certame (xunto ás características da mesma, como título, técnica, medidas, e ano de realización),
-Noutro documento de texto Word, OpenOffice ou PDF, un breve currículo do autor ou autora coa traxectoria artística desenvolvida ata o momento, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico, amais dunha declaración responsable onde conste que a obra é orixinal.

Unha vez seleccionadas as obras participantes, os e as artistas presentaranas en formato físico no Concello de Bueu antes do 20 de maio, solicitando cita previa para a entrega presencial a través do correo comunicacion@concellodebueu.gal, ou ben a través de envío con axencia de transporte ao enderezo Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti nº8 Bueu.

A exposición poderase ver dende o 15 ao 31 de xullo, e nesa franxa tamén se organizará a gala de entrega do premio á persoa que resulte gañadora dun premio dotado con 1.500 euros.

Máis información:
Concello de Bueu,
Rúa Eduardo Vincenti nº 18, 36930, Bueu-Pontevedra
986390029-663250169
http://www.concellodebueu.gal/

Comments