Skip to main content
RESXUV25

Solicitudes para as residencias xuvenís de Xuventude

A Xunta abre o martes día 24 o prazo de solicitudes para as residencias xuvenís de Vigo, Ourense e Lugo.
En total, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrecerá o vindeiro curso un total de 233 prazas.

Do total, 92 ofértanse na residencia Altamar en Vigo, mentres que o restante divídese entre as 60 dispoñibles na residencia Florentino López Cuevillas de Ourense e as 81 do centro residencial xuvenil da cidade de Lugo.
Ademais, os centros contarán con prazas reservadas para persoas que sufran violencia de xénero, mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen, para persoas con expediente de protección aberto ou para persoas con discapacidade.

A convocatoria está publicada no Diario Oficial de Galicia e durante un mes poderán solicitar estes postos a mocidade de entre 16 e 30 anos de idade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexa obrigados a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.
O período de estadía estará dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións, e inclúe aloxamento e manutención.

As prazas van dirixidas a rapaces e rapazas que estean a cursar estudos de Bacharelato, Formación Profesional, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutorados, estudos de mestrados universitarios oficiais ou persoas traballadoras.
Na valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como a renda da unidade familiar, a condición de familia numerosa ou monoparental, as condicións de orfandade e de discapacidade ou antigüidade na residencia xuvenil, entre outros.

Máis información:
DOG 23 Xuño 2025

Comments