Premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza e de artes plásticas e deseño 2024/2025
A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza e de artes plásticas e deseño 2024/2025 co obxectivo de recoñecer o esforzo e a excelencia académica do alumnado galego nas especialidades de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional concederá ata un máximo de seis galardóns —tres no ámbito de Música, un no de Danza e dous no de Artes Plásticas e Deseño—, cada un deles cunha dotación económica de 1.000 euros.
No caso da especialidade de Música, poderán optar ao recoñecemento os estudantes que remataran estas ensinanzas no curso 2024/25, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade galega, e que teñan unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos.
Os aspirantes deberán presentar unha gravación en vídeo, en formato AVI ou MPEG, cun máximo de tres pezas de estilos diferentes, cunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso e cunha duración total máxima de 25 minutos.
A interpretación deberá ser como solista e a gravación non poderá estar editada nin contar con procesamento de son ou imaxe.
Para o alumnado de Danza, os requisitos son os mesmos en canto á titulación e á nota media.
Deberase achegar tamén unha gravación en vídeo con tres pezas coreográficas de distintos estilos, cunha duración máxima de 15 minutos.
No caso de intervencións grupais, deberá indicarse claramente quen é o ou a aspirante.
No eido das Artes Plásticas e Deseño, poderán presentarse aqueles estudantes que rematasen un ciclo formativo de grao superior no curso 2024/25, cunha nota media igual ou superior a 8,75, calculada a partir dos módulos con cualificación numérica e excluíndo o proxecto final, así como os módulos aptos, validados ou exentos.
Os participantes deberán entregar a memoria e documentación gráfica do seu proxecto final en formato PDF, AVI ou MPEG.
O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o 31 de xullo e realizarase preferentemente de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información:
https://educacioneciencia.xunta.gal/portada
DOG
Sede Electrónica




Comments